A resistencia a antibióticos e a mellora da atención, a debate este martes na XXIV Xornada da Escola de Enfermaría de Lugo no Hula

O problema de saúde pública que está a deparar a resistencia a antibióticos e a innovación como clave para mellorar a atención a doentes serán dous dos temas que serán obxecto de debate no marco da XXIV Xornada da Escola de Enfermaría de Lugo, un foro monográfico arredor da enfermaría e orientado a estudantes e profesionais do sector que se desenvolverá este martes 9 de abril, a partir das 9.30 horas, no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula).
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, participará xunto co xerente da EOXI Lugo, Cervo e Monforte, Ramón Ares; a directora d EOXI Lugo, Cervo e Monforte, María Jesús Pérez Taboada; a presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo, Lurdes Bermello, e a directora da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo, Asunción Núñez Magdalena, na sesión de apertura dunha xornada de formación e divulgación que congregará a máis de 350 participantes.
A catedrática de Bioquímica e Bioloxía Celular da Universidade da Rioxa, Carmen Torres Manrique abrirá a quenda de relatorios cunha conferencia baixo o título ‘Resistencia a antibióticos, un problema de saúde pública’. De seguido, a profesora da Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Lugo Olga López Racamonde conducirá unha mesa redonda arredor da innovación con clave na mellora da atención.
O plan de asistencia Sepse en Galicia, o liderado da enfermaría na seguridade do paciente, e a prevención de complicacións en doentes con accesos vasculares desde os coidados baseados na evidencia, constitúen algunhas das cuestións que abordarán neste coloquio a subdirectora Xeral de Avaliación Asistencial e Garantías do Sergas, Carmen Durán Parrondo; a xefa de Servizo de Sistemas de Calidade e Mellora Continua do Sergas, Dolores Martín, e a enfermeira do Hula Purificación Morado Quiñoá.
Unha reflexión do presidente da Academia de Enfermaría de Galicia, Isidoro Rodríguez, sobre a pertinencia das sociedades científicas na profesión de coidar, seguida da presentación de comunicacións científicas elaboradas por alumnado da Escola de Enfermaría do campus de Lugo pecharán o programa matinal dun foro que terá continuidade en quenda de tarde coa mesa de debate ‘ Desenvolvemento de competencias de investigación na formación de grao’.
A profesora da Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Lugo Celia Novo Teijeiro actuará como moderadora dun coloquio no que as enfermeiras María Quiroga López, Iria Penas Murujosa, Jéssica Fernández Pacio e Laura Alvariño Vázquez, ofrecerán relatorios sobre as hábitos sexuais e protección fronte enfermidades de transmisión sexual entre estudantes do campus de Lugo, coñecementos en cribado de cérvix, o Eco-Doppler nas venopuncións periféricas ou sobre a percepción que teñen os estudantes universitarios respecto da obesidade en España.