O investigador da USC Paolo Ronza aborda este martes en Veterinaria os avances no estudo da enteromixosis
O estudante de terceiro ciclo da USC e membro dos grupos de investigación de Anatomía Patolóxica Veterinaria e Acuigen Paolo Ronza ofrecerá este martes, a partir das 12.00 horas, na Aula Aresa da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, o relatorio ‘Desvelando a enteromixosis a través do RNA-Seq’.
O relatorio de Paolo Ronza encádrase no marco das actividades de divulgación das liñas de investigación desenvolvidas pola Rede Inmunoxenom-Inmunoxenómica de enfermidades de peixes e moluscos. O investigador Paolo Ronza abordará nesta sesión aberta os avances no estudo da patoxénese da enteromixosis, unha enfermidade parasitaria de gran impacto na acuicultura do rodaballo, derivados dunha abordaxe multidisciplinaria e da aplicación dunha potente ferramenta de análise de transcriptomas como é o RNA-Seq.