Pasar al contenido principal

Os decanos de Veterinaria de España analizan en Lugo a apertura de novas facultades e o recoñecemento do grao como MECES 3

Decanos/as de Veterinaria de España, na visita á Domus do Mitreo
Decanos/as de Veterinaria de España, na visita á Domus do Mitreo
A Conferencia de Decanos e Decanas de Veterinaria de España celebra este luns e martes a súa xuntanza xeral no campus lugués, onde coñecerán o proxecto do Cebiovet

A Conferencia de Decanos e Decanas de Veterinaria de España (CDvE) celebra desde hoxe no campus de Lugo a súa xuntanza xeral, unha reunión itinerante que chega a Lugo por vez primeira e na que participarán os decanos/as das doce facultades de Veterinaria do país, incluídas as privadas.

O decano da Facultade de Veterinaria da USC, Germán Santamarina, actuará como anfitrión nesta reunión da Conferencia de Decanos e Decanas de Veterinaria de España, un órgano que na actualidade preside o decano da Facultade de Veterinaria de Murcia, o viveirense Antonio Rouco Yáñez, e que debaterá, entre outros asuntos, o estado dos títulos de grao en Veterinaria e o seu recoñecemento como MECES 3 e o proxecto de apertura de novas facultades de Veterinaria e a posible adopción de novas iniciativas en contra desta medida. As distintas sesións programadas no marco desta reunión da Conferencia de Decanos e Decanas de Veterinaria de España comezarán este luns, a partir das 17.00 horas, na sala de xuntas da Facultade luguesa, onde terán continuidade o martes 3 de febreiro, en quenda de mañá. O presidente da CDvE, Antonio Rouco, abrirá este luns a quenda de intervencións coa lectura dos informes relativos á reunión mantida co Secretario de Estado de Educación, así como da xuntanza das directivas das Conferencias de Decanos de títulos de Ciencias da Saúde. O informe da comunicación da Aneca sobre o desenvolvemento do decreto no que concirne ás licenciaturas, así como o referido á acreditación institucional Acredita e Acredita + centrarán os primeiros puntos da orde do día desta reunión da CDvE, entre os que tamén figura o informe da presidenta da EAEVE, a profesora do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias da USC na Facultade de Veterinaria de Lugo, Ana María Bravo del Moral. A aprobación e firma dos novos estatutos da CDvE, o estado dos títulos de grao de Veterinaria tralo seu recoñecemento como MECES 3 e o debate, valoración da xornada de mobilización contra a apertura de novas facultades de Veterinaria e a posibilidade de adoptar novas medidas de protesta constitúen outros dos asuntos a debater nesta sesión da CDvE. A Conferencia de Decanos e Decanos de Veterinaria de España tamén analizará ao longo da súa reunión no campus de Lugo a aplicación da táboa de correspondencias xa aprobada para o traslado de matrículas, ao tempo que cada decano/a fará un diagnóstico da situación da súa facultade en relación co seu plano estratéxico e a súa programación plurianual. A sinatura dun convenio entre a CDvE coas Forzas Armadas, a valoración da CDvE respecto das últimas avaliacións desenvolvidas pola EAEVE, a definición das competencias do título de grao en Veterinaria, tal e como solicitou a Aneca, e a proposta dun calendario para desenvolver a iniciativa Vetresponsable completan, entre outros asuntos, o programa de traballo fixado para esta reunión da CDvE. Os decanos e decanas das facultades de Veterinaria de España aproveitarán a súa participación nesta reunión da CDvE en Lugo para asistir, este luns, a partir das 19.30 horas, a un acto institucional na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, onde serán recibidos polos vicerreitores Javier Bueno e Andrés Barreiro para logo completar unha visita guiada á Domus do Mitreo.

A CDvE continuará o martes 3 de febreiros as súas reunións de traballo na Facultade de Veterinaria de Lugo para logo, xa en quenda de tarde, coñecer as instalacións do hospital veterinario Rof Codina e o proxecto do Centro de Investigación en Biomedicina Veterinaria (Cebiovet) da man do director xerente do Rof Codina e do director veterinario do citado centro hospitalario.

Os vicereitores Bueno e Barreiro dan a benvida a integrantes da Confederencia de Decanos/as de Veterinaria de España

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.02.2015.