Pasar al contenido principal

Un curso básico de diagnóstico clínico e patolóxico en peixes cita desde este venres 25 veterinarios no campus de Lugo

Un curso básico de formación continua en diagnóstico clínico e patolóxico en peixes, organizado polo Servizo de Anatomía Patolóxica do grupo de Patoloxía de Peixes da USC, reunirá este venres e sábado na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo 25 profesionais veterinarios que están a desenvolver distintos cometidos na Administración ou como técnicos de empresas do sector acuícola.

Esta actividade formativa, incluída nos programas de formación continúa da USC, comezará a desenvolverse este venres, a partir das 15.30 horas, nas instalacións do Laboratorio de Anatomía Patolóxica da Facultade de Veterinaria, onde se impartirán as sesións prácticas deste curso, cuxo programa tamén contempla contidos teóricos. O obxectivo deste curso é o de amosar aos veterinarios inscritos a importancia da profesión veterinaria no desenvolvemento da acuicultura, sobre todo a través do diagnóstico correcto das enfermidades máis comúns nos peixes. A sección teórica afondará na análise do cometido do veterinario na acuicultura. Os catro docentes encargados de impartir este curso, Mª Isabel Quiroga, Roberto Bermúdez, Ana Paula Losada e Luisa Daniel Faílde, darán as claves para a avaliación dos signos clínicos e das lesións externas dos peixes, ao tempo que describirán as principais técnicas de diagnóstico rápido e tamén farán fincapé na necropsia como ferramenta diagnóstica en peixes. Nas sesións prácticas deste programa de formación continua, as persoas participantes realizarán técnicas non letais de diagnóstico, necropsias, toma de mostras... Ademais, terán a oportunidade de avaliar ao microscopio diferentes casos co obxectivo de que adquiran nocións básicas de citoloxía e histopatoloxía en peixes.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.01.2015.