Un proxecto de alumnado de Xornalismo da USC gaña o Premio Nacional de Periodismo Gastronómico ‘Álvaro Cunqueiro’ na modalidade académica
O proxecto ‘Gastrolicia’, elaborado por un grupo de estudantes de Xornalismo da Universidade de Santiago, acaba de ser recoñecido co premio ao mellor traballo académico do XXI Premio Nacional de Periodismo Gastronómico ‘Álvaro Cunqueiro’, promovido polo Concello de Lalín en colaboración coas facultades de Comunicación das universidades galegas, coas asociacións gastronómicas galegas, a Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia e coa Deputación de Pontevedra. Integraban o equipo que presentou o proxecto Natalia Saavedra Nieto, Sara Pérez Seijo, Laura Seijo Vigo, Laura Rapa Casariego, Pablo Portela Rodríguez, Ana Rial Maneiro e Irene Picallo Doce. De entre todas as propostas presentadas por alumnado de Xornalismo, Publicidade e Comunicación Audiovisual de toda a xeografía nacional, o xurado destacou ‘Grastrolicia’ pola “calidade narrativa e diversidade de ferramentas informáticas e o seu bo uso para crear narrativas multimedia adaptadas ao contexto de consumo de contidos de diferentes formatos e dende diferentes dispositivos por parte do usuario, contidos ben estruturados e imaxe moi coidada”. Nesta modalidade, integraban o xurado o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Xosé Ramón Pousa Estévez; a decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra), Emma Torres Romay; e o decano da Facultade de Comunicación da Coruña, José Videla Rodríguez. Xustamente nesta modalidade, o xurado realizou unha mención especial polo incremento dos traballos presentados e a súa calidade. Cocina2 O programa emitido por TVE ‘Cocina2’, da produtora Shine Iberia e Fox e protagonizado polos irmáns Torres, foi elixido gañador polo xurado profesional do XXI Premio Nacional de Periodismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”. Este galardón, dotado con 3.000 euros, concedeuse en base á “súa capacidade de difusión da cociña e dos produtos galegos no ámbito estatal” de entre os máis dunha vintena de traballos que concorreron ao recoñecido galardón de xornalismo gastronómico no panorama español. O segundo premio, un accésit dotado con 1.000 euros, recaeu en Onda Cero Galicia Sur polos diversos programas e iniciativas gastronómicas difundidas nas súas emisións habituais.