Tomás Cuesta avoga por explorar na Escola Politécnica Superior a implantación de títulos dobres ou compartidos con outros centros
O profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Tomás Cuesta García, que tomou este xoves posesión do cargo domo director da Escola Politécnica Superior no marco dun acto protocoloario presidido polo reitor Juan Viaño, avoga por explorar novas posibilidades docentes no centro universitario lugués, como podería ser a creación de titulacións dobres ou mesmo títulos compartidos con outros centros.
Cuesta reivindicou no seu discurso de investidura o cometido da universidade pública na definición dun sistema produtivo sustentado no coñecemento, así como nos eidos da educación, investigación e innovación, ao tempo que rexeitou a imaxe de universidade pública como lastre económico, como gasto e non como unha inversión, que transmite á sociedade o propio Ministerio. O deseño dun mapa de titulacións axeitado para o Sistema Universitario Galego (SUG) e a aprobación dun plan de financiamento que deixe de situar á USC nunha posición de desvantaxe en relación con outras universidades constitúen tamén outras das demandas trasladadas polo director da EPS á Administración autonómica. O reitor Juan Viaño asumiu como “preocupacións institucionais da USC” as dificultades advertidas polo director da Escola Politécnica, ao tempo que salientou a evolución experimentada polo centro universitario lugués no último medio século. Así, Viaño destacou a eficiencia da EPS na captación de recursos de I+D+i nas distintas convocatorias públicas, así como o relevante cometido investigador e docente e a súa cuantiosa produción científica. “Esta notoria bagaxe da Escola Politécnica Superior permite que a USC sexa a terceira universidade española no eido da investigación agraria”, dixo o reitor, quen tamén subliñou a contribución da EPS no que atinxe á captación de alumnado, así como á internacionalización da USC e á progresiva e sostible conexión co tecido empresarial a través da sinatura de convenios de prácticas externas curriculares con máis de 500 empresas e institucións. O profesor Tomás Cuesta aproveitou tamén esta sesión institucional para salientar que a EPS, como centro que oferta un elevado número de titulacións, posibilita o uso eficiente e de recursos humanos e materiais, así como o aproveitamento de sinerxias entre as distintas áreas do saber. Neste senso, lembrou que profesores de ata 28 departamentos diferentes participan na docencia impartida na Escola Politécnica Superior, un centro que na actualidade acubilla catro graos de enxeñaría que dan acceso a unha profesión regulada, catro másteres oficiais, dous deles con orientación profesional. Os 233 estudantes de novo ingreso matriculados este curso na EPS, un número sensiblemente superior ao contabilizado o exercizo pasado, constitúe un indicador positivo cara ao futuro da EPS, sinalou Tomás Cuesta, quen avoga por traballar durante os próximos anos a prol de aumentar a visibilidade e os atractivos das titulacións impartidas na escola, así como por incrementar a relación e a interacción da EPS con outros centros do campus e avanzar na súa internacionalización. A superaión dos distintos procesos de acreditación de calidade, a potenciación das relacións do centro universitario co tecido empresarial en aras a mellorar a inserción laboral dos/as titulados/as, a oferta de determinadas materias noutras linguas ou a potenciación de formación continua dirixida a colectivos profesionais son outros dos obxectivos apuntados por Cuesta García para o seu mandato. O director da Escola Politécnica Superior tamén solicitou o maior esforzo posible do equipo reitoral para afondar na definición do Campus Terra, a fin de que este proxecto de especialización sirva para revitalizar a identidade propia da sede universitaria luguesa e tamén para potenciar as súas singularidades e fotalezas. Equipo de dirección da EPS O novo equipo de dirección da Escola Politécnica Superior liderado por Tomás Cuesta combina profesores con experiencia na xestión do centro con outros que achegan novos pulos e visións. “ Formamos un grupo heteroxéneo de persoas, con diferentes formacións académicas, que con máis ilusións que medios, traballaremos por un obxectivo común, como é a formación de enxeñeiros/as que saiban responder ás necesidades da sociedade”, dixo. A estrutura do equipo de dirección da EPS contempla tres subdireccións. A profesora Rosa Romero seguirá como responsable da Subdirección de Prácticas Externas e Orientación Laboral, mentres que a profesora Ana Isabel García Arias asumirá a Subdirección de Calidade, ademais doutras tarefas de Relacións Exteriores. Os profesores Alberte Castro, na Subdirección de Organización Académica, e Montserrat Valcárcel, en calidade de secretaria académica con competencias en materia de asuntos económicos e infraestruturas, completan o equipo de dirección da EPS. O acto protocolario de nomeamento e toma de posesión dos cargos do novo equipo de dirección da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo citou este xoves na Vicerreitoría de Coordinación da sede universitaria luguesa unha nutrida representación de profesores do campus, entre os que cómpre destacar a presenza dos directores e decanos das distintas facultades e escolas universitarias. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, así como os seus homónimos de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, Andrés Barreiro, e de Servizos Universitarios, Carme Silva, ademais da secretaria xeral da USC, Consuelo Ferreiro, tamén asistiron a este acto institucional, que estivo presidido polo reitor Juan Viaño.