Pasar al contenido principal

Unha investigación de Veterinaria estuda a microbiótica láctica illada de carne envasada ao baleiro co sistema Darfresh®

Cepeda, Calo-Mata, Samuel e Franco, no acto de defensa da tese de doutoramento
Cepeda, Calo-Mata, Samuel e Franco, no acto de defensa da tese de doutoramento
A tese de Arlindo Samuel Ingüane, o terceiro investigador de Mozambique que remata o seu doutoramento no Lhica, mereceu a cualificación de sobresaínte cum laude

Unha investigación desenvolvida por Arlindo Samuel Ingüane no Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (Lhica) da Facultade de Veterinaria da USC, aborda a caracterización da microbiótica láctica obtida de carne fresca envasada ao baleiro mediante o sistema avanzado denominado Darfresh®.

Esta caracterización, cuxos resultados figuran na tese de doutoramento de Samuel Ingüane, dirixida polos profesores do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC Alberto Cepeda, Carlos Franco e María do Pilar Calo-Mata, desenvolveuse mediante o estudo de propiedades para o seu posible estudo en alimentos, así como mediante a realización de xenotipado bacteriano, empregando a técnica de PCR con amplificación polimórfica ao chou con con cebador aleatorio (RAPD). O proceso de caracterización desta microbiótica permitiu ao investigador poder determinar cepas procedentes de carne envasada no sistema avanzado tipo skin ou “segunda pel”, produtoras de bacteriocinas e, máis concretamente, da enterocina P. Estas cepas, ademais doutras procedentes de pescado que se estaban a estudar conxuntamente, permitiron caracterizar a existencia dun polimorfismo dun único nucleótido na secuencia xenética responsable da súa produción polas bacterias lácticas. A tese de doutoramento que vén de presentar Arlindo Samuel Ingüane na Facultade de Veterinaria de Lugo tamén recolle información referida á caracterización destas cepas produtoras de bacteriocinas en base ás súas propiedades como posibles bacterias probióticas, o que mostra determinados aspectos de interese. Os datos recollidos logo do proceso de caracterización molecular e tecnolóxica da microbiota procedente dos dous sistemas de envasado, non explican con claridade a maior conservación rexistrada na carne envasada mediante un sistema de envasado skin o segunda pel, en relación coas viandas envasadas nun sistema de baleiro tradicional. De feito, na investigación non se detectan os clons bacterianos especialmente adaptados a un tipo de envasado tal como se realiza a caracterización molecular. Nas investigacións realizadas, sen embargo, si que se aprecian cepas produtoras de bacteriocinas a partir da carne envasada segundo o sistema avanzado e incluso se descubriu unha nova molécula con actividade antimicrobiana fronte a certos patóxenos, un novo achado que se está a estudar na actualidade. Outra das conclusións do estudo desenvolvido por Arlindo Samuel Ingüane atinxe ao feito de que as cepas de bacterias lácticas illadas do sistema de envasado skin amosan unha maior resistencia térmica, o que se plasma na presenza de tempos de redución decimal a 55 ou 60 ºC máis altos. A información obtida logo da investigación que Arlindo Samuel Ingüane recolle na súa tese de doutoramento ven demostrar que a tecnoloxía de envasado Darfresh®, que emprega un quentamento previo do film de envasado a temperaturas por riba de 100 ºC, probablemente ocasiona la selección deste tipo de microbiota, o que pode xustificar en parte la maior capacidade de conservación da carne mediante este sistema de envasado. Tribunal da tese e cualificación O tribunal encargado de avaliar e cualificar a tese de doutoramento desenvolvida e presentada na USC polo investigador de Mozambique Arlindo Samuel Ingüane estivo presidido polo profesor Luciano Sánchez García. Beatriz Vázquez Belda, Alicia Mondragón, as dúas profesoras e investigadoras da USC, Margarita Poza Domínguez, do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac), e Ananías Pascual, investigador do Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, radicado en Braga, completaron o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento de Arlindo Samuel Ingüane, un traballo que mereceu a cualificación de cum laude.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.02.2015.