Pasar al contenido principal

Humanidades aborda o feito antropolóxico de andar desde unha perspectiva multidisciplinar no XV Curso de Primavera da USC

De esquerda a dereita, Max Jean Zins, López Izquierdo, Varela Zapata, González Rey e Arias, na Facultade de Humanidades
De esquerda a dereita, Max Jean Zins, López Izquierdo, Varela Zapata, González Rey e Arias, na Facultade de Humanidades
As peregrinacións relixiosas de Asia e Europa e as visións do andar humano e animal centran os relatorios da primeira xornada do programa

O XV Curso de Primavera ‘Andar, camiñar, marchar…’, un programa dirixido polos profesores ad honorem da Facultade de Humanidades da USC Felipe Arias e Max Jean Zins e coordinado pola decana do centro universitario lugués, María Isabel González Rey, aborda, desde hoxe e ata o venres no campus de Lugo da USC, de xeito transversal e multidisciplinar o feito antropolóxico de andar e camiñar, de poñerse en movemento tanto as persoas coma os animais, e tanto en grupo como individualmente.

O movemento é algo consubstancial á natureza e tamén unha das características singulares da Facultade de Humanidades da USC, “un centro que está en permanente evolución”, salientou González Rey na apertura desta nova edición do Curso de Primavera da USC, no marco dun acto no que, ademais dos directores dun programa organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, tamén participaron o profesor Jesús Varela Zapata, adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, e a deputada provincial Sonsoles López Izquierdo.

A aposta por afondar no carácter transversal do feito de andar é unha mostra da “xenialidade intelectual” dos directores deste curso, comentou Varela Zapata, que logo de apuntar que a transcendencia do acto de andar queda probada na diversidade e na amplitude de termos que conforman o seu campo semántico na maioría das linguas, fixo tamén fincapé nas múltiples ópticas que permite este curso.

As distintas intervencións e coloquios programados posibilitan enfoques diferentes dunha mesma realidade, dixo Varela Zapata, para, de seguido, enumerar as peregrinacións, migracións, escenarios de camiñadas como é a muralla romana de Lugo, o imaxinario conceptual asociado a marchas, comitivas, desfiles... como dimensións que permitirán aos relatores convidados achegarse á temática proposta desde un punto de vista físico, sociolóxico, histórico, antropolóxico, relixioso, lúdico, biolóxico e mesmo imaxinario.

Unha mesa de debate sobre peregrinacións de Asia e Europa e o Camiño de Santiago, moderada pola profesora da USC Mar de Santiago Pérez, centrou a primeira sesión deste curso. Así, Megumi Shiozawa, do Centro de Xapón en Galicia, falou do camiño xaponés de Kumano, mentres que o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, tratou o fenómeno relixioso dos camiños de Santiago. Max Jean-Zins pechou esta primeira quenda de intervencións cun relato sobre a marcha de Gandhi na India.

A profesora da USC Elena Freire Paz deu continuidade ao programa deste curso en quenda de tarde como moderadora doutra sesión que xirou arredor das peregrinacións e doutras visións do andar humano e animal. Neste caso, participaron como relatores Ricardo Polín, Concepción Fernández, Pablo Núñez Meneses, Luísa Ibáñez Martín e Antonio González Cantalapiedra.

A realidade e o imaxinario de comitivas, desfiles, marchas, carreiras... será o tema de análise durante a segunda xornada deste curso, durante a que tamén se afondará sobre a realidade da muralla de Lugo como escenario de andainas. As grandes migracións humanas ao longo da historia ocupan o programa matinal da última xornada do XV Curso de Primavera da USC ‘Andar, camiñar, marchar...’.

A proxección de entrega de premios do I Certame de Videocreación do campus de Lugo, unha iniciativa convocada ao abeiro deste curso e arredor da mesma temática á que concorren preto dunha decena de candidaturas, unha andaina por un treito urbano do Camiño Primitivo e a proxección do filme ‘Sur le chemin de l’ école’ completan a programa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.04.2019.