Pasar al contenido principal

A X Olimpíada Galega de Economía cita na Facultade de Ade do campus de Lugo a 66 estudantes de Bacharelato de toda Galicia

Cartaz da X Olimpíada Galega de Economía
Cartaz da X Olimpíada Galega de Economía
As probas das fase autonómica deste certame desenvolveranse durante a tarde do venres 12 de abril na Aula Magna do centro universitario lugués

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo da USC acubillará o venres 12 de abril a celebración das probas da X Olimpíada Galega de Economía, un certame para o que xa formalizaron a súa participación un total de 66 estudantes de Bacharelato en diferentes centros educativos de Galicia que cursan ou xa completaron a materia de Economía.

As probas organizadas no marco da X Olimpíada Galega de Economía desenvolveranse en quenda de tarde, a partir das 16.30 horas, na Aula Magna do centro universitario lugués. As persoas que acaden a cualificación máis alta poderán tomar parte na XI Olimpíada Española de Economía, que se celebrará os días 24 e 25 de xuño na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade Complutense de Madrid, un acto que se encadra no contexto da celebración do 70 aniversario deste centro.

A Olimpíada de Economía nace seguindo a tradición do resto das olimpíadas científicas pero, a diferenza delas, está organizada polas facultades de ciencias económicas e empresariais das universidades públicas españolas, e nestes momentos pódese dicir que xa está consolidada en todo o territorio español. É un concurso de carácter académico e educativo, con múltiples obxectivos entre os que estarían incentivar e estimular o estudo da Economía entre os alumnos interesados nesta materia, premiar o esforzo e a excelencia académica, divulgar os estudos de Economía, tender pontes entre as facultades e os centros de educación secundaria e establecer vínculos cos profesores de Economía do bacharelato.

A Universidade non pode abstraerse dos problemas formativos dos estudantes que van ocupar as súas aulas no futuro, e por iso é importante fomentar os contactos e as relacións estables orientadas a facilitar o intercambio de coñecementos e experiencias. Nese senso, a Olimpíada de Economía ten que xogar o papel de punto de encontro entre ambos niveis educativos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.04.2019.