Entréganselle este martes as credenciais aos bolseiros e bolseiras SPIU
As bolseiras e bolseiros de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria (SPIU) que convoca a Oficina de Desenvolvemento Sostible (PDS) da USC recibirán este martes 13 as súas credenciais nun acto previsto para as 10.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía. Nesta ocasión son 33 as alumnas e alumnos que acadaron bolsa –financiada polo Consello Social– para desenvolver tarefas e actividades vinculadas á sostibilidade e o medio ambiente nas facultades dos Campus de Santiago e Lugo e nas residencias e colexios maiores do SUR. O alumnado está estes días pechando os seus plans de traballo conxuntamente cos coordinadores e coordinadoras do PDS de cada centro ou co persoal de dirección das residencias. O valor deste modelo de delegación reside na capacidade de implicar e mobilizar ao estudante na procura do desenvolvemento de iniciativas que se adapten ao perfil e ás necesidades de cada centro atendendo os intereses da comunidade educativa. A estrutura de coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible foi considerada como “boa práctica na gobernanza das Universidades” por UNIVERSIA a finais de 2013. Entre as tarefas dos bolseiros e bolseiras figuran prestar apoio na recollida de datos para o cálculo da pegada ecolóxica da universidade, a reactivación dos Puntos Verdes dos centros docentes e das residencias, a divulgación de campañas e, sobre todo, a concienciación e mobilización do alumnado a través de actividades vinculadas ao desenvolvemento sostible.