Pasar al contenido principal

Encontro coa escritora alxerina Samira Negrouche

A área de Filoloxía Francesa e o Centro de Linguas Modernas da USC, en colaboración coa Alianza Francesa de Santiago, organizan este martes 20 un encontro coa escritora e poetisa alxerina Samira Negrouche a partir das 20.00 horas na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia. Samira Negrouche forma parte do consello internacional do festival de poesía Voix da Méditerranée en Francia, así como do Consello Nacional das Artes e a Literatura de Alxeria. Médica de profesión, dedícase por completo dende hai algúns anos aos seus proxectos creativos. É autora de libros de poemas, narrativa e pequenos ensaios e, con frecuencia, amosa o seu traballo en colaboración con músicos, intérpretes ou artistas visuais de ámbito internacional. Publicándose á vez en Francia e en Alxeria, os seus libros de poemas son À l'ombre de Grenad (Á sombra de Granada) de 2006, Le jazz des oliviers (O jazz das oliveiras) do 2010, ou o máis recente Horizon Seuil (Horizonte Limiar), froito do cal desenvolve un espectáculo multidisciplinar con outras tres creadoras de Grecia, Francia e EEUU, a carón doutras obras traducidas e publicadas en Italia (2011) e Arxentina (2012). En Bulgaria está xa no prelo unha antoloxía dos seus relatos curtos. Ademais, a súa produción literaria complétase con poemas vertidos a máis de quince linguas. Negouche é tradutora de poesía árabe contemporánea para o francés, dende linguas como o árabe, o inglés ou ocasionalmente o tamazight, dadas as súas propias orixes bérberes. En 2012 publicou en París unha gran antoloxía de poetas alxerianos francófonos contemporáneos e creou un espectáculo centrado nesa tradición poética dende os anos trinta ata a actualidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.01.2015.