A Rede de Investigación para a Xestión Sostible da Empresa Agroalimentaria bota a andar este mércores no campus de Lugo
O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro, presentará este mércores, día 21 de xaneiro, a partir das 12.30 horas, na sala de prensa da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, a Rede de Investigación para a Xestión Sostible da Empresa Agroalimentaria (Igsea).
A coordinadora da rede Igsea, recoñecida e financiada pola Xunta de Galicia no período 2014-2016 no maco do programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas, a profesora do Departamento de Comercialización e Investigación de Mercados da USC, Belén Bande Vilela; o tamén profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal e investigador principal desta nova unidade de investigación, Enrique Arbones Maciñeira, e a decana da Facultade de ADE, que acubillará a sede da rede Igsea, Begoña Barreiro, tamén intervirán neste acto.
A presentación pública desta nova unidade de investigación interdisciplinar xurdida no campus lugués ao abeiro das directrices recollidas no proxecto de Campus Terra, servirá tamén para dar conta dos cometidos que persegue esta nova rede universitaria, así como outra información relativa aos investigadores que a integran e tamén referida ás distintas accións xa programadas para os vindeiros meses.