Pasar al contenido principal

A USC conmemora o Ano Internacional dos Solos e o Día da Terra coa organización de diversos actos na Escola Politécnica Superior

Tarsy Carballas abre a xornada, ás 12.00 horas, cun relatorio no salón de actos do centro universitario lugués sobre traxectoria da Escola de Edafoloxía de Galicia

O Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC organiza este mércores 22 de abril diversos actos formativos e de divulgación na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo co gallo da celebración do Ano Internacional dos Solos e do Día da Terra.

Tarsy Carballas, do Centro Superior de Investigacións Científicas de Santiago, abrirá a xornada conmemorativa, ás 12.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo, cun relatorio no que abordará a traxectoria experimentada pola Escola de Edafoloxía de Galicia. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, presidirá, a partir das 13.00 horas, no mesmo escenario, un acto académico no que tamén intervirán como relatores o director da EPS, Tomás Cuesta; o director do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, Eduardo García-Rodeja; o subidirector xeral de Recursos Forestais da Xunta de Galicia, Federico Sánchez Rodríguez, e a presidenta da delegación territorial de Galicia da Sociedade Española de la Ciencia del Suelo (SECS), Montserrat Díaz Daviña.

Unha vez rematada a celebración deste acto académico, os relatores procederán a inaugurar a exposición itinerante ‘Os solos e a biodiversidade forestal’, unha mostra cedida pola SECS e que permanecerá aberta ao público na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.04.2015.