Pasar al contenido principal

Xornada formativa e de divulgación sobre voluntariado e proxectos educativos na Facultade de Formación do Profesorado

As sesións desenvolveranse este martes, a partir das 16.00 horas, e están abertas á participación da comunidade universitaria

O Servizo de Participación e Integración Universitaria dependente da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, en colaboración co equipo de Coordinación Xeral do Prácticum e dos profesores David Facal, responsable da materia Escola inclusiva e Necesidades educativas especiais, e Xosé Ramón Veiga, docente da materia Ensino e aprendizaxe das Ciencias sociais, organiza este martes, día 14 de abril, a partir das 16.00 horas, no salón de actos da Facultade de Formación de Profesorado de Lugo, dúas sesións formativas e de divulgación sobre voluntariado e proxectos educativos. O obxecto desta xornada é o de estimular o voluntariado entre o alumnado dos graos de Mestra/Mestre de Educación Infantil e de Educación Primaria.

No marco desta xornada, participarán como relatores representantes de cinco entidades e asociacións (Raiolas (TEA Lugo), Down Lugo, Capaces (TEA Lugo), Bule-Bule (TDAH Lugo) e persoal do Sepiu) que veñen cumprindo un relevante cometido social na capital luguesa desde hai anos exporán o traballo desenvolvido neste tempo. Os relatores convidados farán especial fincapé naquelas actuacións que, polas súas características e os seus ámbitos de acción, ligan mellor cos intereses e capacidades de colaboración co alumnado da Facultade de Formación do Profesorado.

Programación das sesións A primeira das dúas sesións previstas desenvolverase de 16.00 a 17.30 horas, e está dirixida a alumnado de segundo curso do grao en Mestre/a en Educación Infantil. A segunda sesión, programada de 17.30 a 19.00 horas, está orientada a estudantes de segundo curso do grao de Mestre/a en Educación Primaria. Nestas sesións, o estudantado poderá coñecer da man dos propios protagonistas dos proxectos educativos cómo mellorar as competencias para ser educador a través das experiencias presentadas polos representantes das entidades antes citadas.

As xornadas están dirixidas ao alumnado universitario, que poderá solicitar o recoñecemento de ata seis créditos ECTS pola súa participación en proxectos de voluntariado, así como ao resto da comunidade universitaria e tamén ao público en xeral. Así, as persoas interesadas neste tipo de actividades poden solicitar información detallada no Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, a través do enderezo de correo electrónico sepiu.lugo [at] usc.es (sepiu[dot]lugo[at]usc[dot]es).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.04.2015.