Pasar al contenido principal

A Aula TIC-Pemes da USC achega as TIC á discapacidade cunha nova edición de ‘Abrimos unha fiestra ao mundo para TI(C)’

A Facultade de ADE acolle o luns 13 unha xornada sobre destrezas e habilidades para favorecer o achegamento das tecnoloxías da información a persoas con discapacidade

A Aula TIC-Pemes da USC busca achegar as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) ás persoas con discapacidade intelectual coa organización dunha nova edición do proxecto ‘Abrimos unha fiestra ao mundo para TI(C)’, unha iniciativa que na que colaborarán de xeito voluntario e altruísta estudantes do campus de Lugo, que serán os encargados de instruír ou, no seu caso, favorecer a alfabetización no eido das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) a persoas con discapacidade intelectual.

Esta nova edición do proxecto de alfabetización informática de persoas con discapacidade intelectual, unha iniciativa que nas pasadas edicións contou entre os usuarios participantes con varias persoas residentes no centro San Vicente de Paúl, botará a andar o luns, día 13 de abril, coa celebración dunha xornada sobre destrezas e habilidades apropiadas para favorecer o achegamento das tecnoloxías da información e da comunicación a persoas con discapacidade intelectual que se desenvolverá a partir das 18.00 horas na sala de xuntas da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, segundo indicou a responsable da Aula TIC-Pemes da USC, a profesora Ángeles López Cabarcos. O programa ‘Abrimos unha fiestra ao mundo para TI(C)’ é unha iniciativa que se axusta aos obxectivos que propiciaron a creación da da Aula TIC-Pemes da USC, entre cuxas premisas está a activación de propostas e proxectos de formación e asesoramento de capital humano asociado ás TICs, o traballo na formación continua ao longo da vida laboral a través da xeración de ofertas específicas que favorezan o acceso aos recursos e medios máis novos no ámbito das TIC. Esta actividade, de marcado perfil solidario e que afonda no compromiso e na responsabilidade social da Universidade de Santiago de Compostela, pretende contribuír a ampliar a oferta formativa dun colectivo en risco de exclusión social, tal e como é o caso das persoas con discapacidade intelectual, a fin de mellorar o seu grao de emprego ademais de evitar que permanezan illadas da sociedade da información.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.04.2015.