Pasar al contenido principal

A EPS de Enxeñaría organiza o 25 de abril un amplo programa de actividades co gallo do Día da Terra e a festividade do centro

Vista da Escola Politénica Superior de Enxeñaria do campus de Lugo da USC
Vista da Escola Politénica Superior de Enxeñaria do campus de Lugo da USC

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría celebrará o 25 de abril a festividade do centro, coincidindo co Día da Terra, cun amplo programa de actividades deseñado polo equipo de dirección e a delegación de estudantes do centro universitario lugués.

O programa de actividades organizado co gallo da celebración desta efeméride, que coincide coa festividade do centro universitario, estenderase durante toda a xornada, desde as 9.30 horas ata pasadas as 20.00 horas. A proxección do documental ‘Cambio climático, ¿qué futuro nos espera?’, ás 9.30 horas, na FullDome Space instalada no seminario 3 do pavillón III da EPS de Enxeñaría, onde se ofrecerá un novo pase a partir das 16.00 horas, abrirá unha xornada lúdica, durante a que, a partir das 12.00 horas, se celebrará un mercado de produtos ecolóxicos.

A presentación do programa ‘Por que hai futuro: Aterra no Campo’, a partir das 16.00 horas, nos salón de actos da EPS de Enxeñaría, servirá de apertura da programación de queda de tarde, cando tamén está prevista a celebración de campionatos de dardos, futbolín, unha sesión de Escape Room no local da Delegación de Estudantes da EPS de Enxeñaría e mesmo una sesión de cata e introdución á elaboración de cervexa artesá.

A participación nalgunha destas actividades require de inscrición previa. As persoas interesadas poden solicitar máis información ao respecto e apuntarse en calquera das actividades de balde a través do número de teléfono 982 823011, no enderezo electrónico eps.secretaria.direccion [at] usc.es (eps[dot]secretaria[dot]direccion[at]usc[dot]es) ou nas listas dispostas nas aulas, na cafetería do centro, e na Delegación de Estudantes da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

Os actos conmemorativos do Día da Terra e da Festividade da EPS de Enxeñaría rematarán á noitiña cunha sesión de música ao vivo que comezará arredor das 20.00 horas, nas inmediacións da cafetería do centro universitario lugués.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.04.2019.