Seminario en Ciencias da Educación sobre `a educación cambia o mundo´
"A educación cambia o mundo” é o título dun seminario que se desenvolverá, os días 21 e 22 deste mes de abril, a partir das 16 horas, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación da USC (Campus Vida), organizado pola Campaña Mundial pola Educación en Galicia, coa colaboración da Universidade e no que participarán o educador nicaraguano Silvio Gutiérrez, promotor de dereitos humanos e participante nas Brigadas de Alfabetización do movemento sandinista na Nicaragua dos anos 80, e Cecilia Lazarte, educadora popular boliviana, especialista en xénero e desenvolvemento rural.
Con este Seminario preténdese facer un recoñecemento a todas as loitas diarias que se exercen nos diferentes espazos de traballo e de activismo social, e que permiten avanzar na consecución da Educación para todos e todas.
Segundo datos aportados pola UNESCO, hai uns 100 millóns de nenos e nenas no mundo que non poderán rematar os seus estudos de primaria e, aínda que a nivel mundial a porcentaxe de persoas analfabetas diminuíu, pasando dun 18% no ano 2000 a un 14% en 2015, as mulleres seguen constituíndo case dous terzos do total da poboación analfabeta mundial.