Pasar al contenido principal

O Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (LHICA) da USC busca voluntarios para un proxecto de nutrición

O Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos da Facultade de Veterinaria da USC, un grupo de investigación dirixido polo catedrático Alberto Cepeda, demanda a participación de persoas voluntarias para participar nun proxecto de investigación relacionado coa nutrición.

O proxecto de investigación no que está a traballar o LHICA e para o que busca a colaboración cidadá consiste na aplicación da tecnoloxía por infravermello de lonxe en varios parámetros relacionados co estado nutricional e coa prevención de enfermidades crónicas non transmisibles en suxeitos cun estado de sobrepeso (dende moi lixeiro, ata obesidade). Esta tecnoloxía xa está a ser utilizada con outros fins como son a recuperación de deportistas de elite tralas competicións mais esixentes ou a prevención de recaídas en doentes de enfermidades coronarias que tiveron algún episodio recente. Tamén se utiliza co fin de depurar os tóxicos depositados na graxa do organismo, facilitando que sexan expulsados a través dos ouriños. Durante este proxecto preténdese estudar a eficacia desta tecnoloxía combinando o seu efecto coa realización dunha dieta, e valorar os beneficios desta tecnoloxía na redución da obesidade, na mellora das enfermidades inflamatorias, na mellora da recuperación muscular tralo exercicio físico, e tamén a posible variación da flora intestinal dos participantes. Para acometer o proceso de valoración de todos os parámetros antes citados, os investigadores do LHICA da USC precisan da participación de persoas que teñan sobrepeso e que practiquen algunha actividade deportiva semanal (aínda que só sexa camiñar). As persoas que se presenten de xeito de voluntario para participar neste proxecto de investigación poderán recibir ese tratamento derivado da aplicación de infravermello de lonxse de xeito totalmente gratuíto. As persoas interesadas en tomar parte neste proxecto poden formalizar a súa solicitude de participación, ademais de facer calquera solicitude de información ao respecto, a través do enderezo de correo electrónico proyectophoton [at] gmail.com (proyectophoton[at]gmail[dot]com).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.04.2015.