Pasar al contenido principal

Esta semana remata o VII Ciclo de cinema catalán con dous premiados filmes

Esta semana remata o VII Ciclo de cinema catalán con dous premiados filmes
Esta semana remata o VII Ciclo de cinema catalán con dous premiados filmes

Esta semana terá lugar a segunda parte do VII Ciclo de Cinema Catalán na USC que organiza a Área de Filoloxía Catalá do Departamento de Filoloxía Galega. O xoves 23 e o venres 24 ofrécense dous filmes recoñecidos e premiados en varios festivais aínda que de pouca visibilidade. Todas as sesións, en versión orixinal subtitulada, serán ás 19.00 horas na Facultade de Filosofía. O xoves 23 de abril, coincidindo coa Diada de Sant Jordi e o Día do Libro, proxectarase Honor de cavalleria (2006), no que Albert Serra fai unha interesante relectura da obra de Cervantes nun ano no que se conmemora o cuarto centenario da publicación da segunda parte do Quixote. O ciclo clausúrase o venres coa proxección de Ich bin Enric Marco (2009), de Santiago Fillol e Lucas Vermal. Este documental explica a historia de Enric Marco, ex presidente da principal asociación española de deportados (l'Associació Amical Mathaussen), que emprendeu unha viaxe en automóbil con Santiago Fillol -o director do documental- cara a Alemaña, un camiño desmitificador no que se vai confrontar co seu pasado, xa que el xamais estivo nun campo de concentración. Unha historia que tamén relata e recupera Javier Cercas na súa última novela, El impostor. A proxección contará coa participación do catedrático de Historia do Cinema e director do Centro de Estudos Fílmicos da USC (Cefilmus), Ángel Luis Hueso.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.04.2015.