Pasar al contenido principal

José Luis Mascareñas recibe a Medalla de Ouro da RSEQ, o máximo recoñecemento da Química en España

José Luis Mascareñas
José Luis Mascareñas
A mesma institución recoñece a Moisés Gulías Costa, membro do grupo do profesor Mascareñas, cun dos Premios a Novos Investigadores

O catedrático de Química Orgánica da Universidade de Santiago e director científico do CiQUS. José Luis Mascareñas Cid, foi distinguido coa Medalla 2015 da Real Sociedade Española de Química (RSEQ), o máximo galardón que existe na actualidade no Estado no ámbito da química. Á vez, esta sociedade recoñeceu o investigador Moisés Gulías Costa, membro do grupo do profesor Mascareñas, cun dos Premios a Novos Investigadores 2015 que distingue a aqueles cuxas traxectorias apunten cara ao liderado científico na súa área. O xurado responsable deste galardón, formado por investigadores de máximo prestixio, ten como misión premiar traxectorias científicas de excelencia; proba diso son os seus fallos previos, que recoñeceron investigadores como Avelino Corma (2005) -que figura este ano entre os premiados co Príncipe de Asturias de Investigación- ou Luis Liz Marzán (2014), investigador galego afincado no País Vasco, considerado un dos líderes mundiais no campo da nanotecnoloxía. Mascareñas José Luís Mascareñas desenvolveu os seus estudos de doutoramento na USC baixo a dirección dos profesores Luis Castedo e Antonio Mouriño, defendendo a súa tese doutoral en 1988. Posteriormente realizou estadías postdoutorais na Universidade de Stanford como bolseiro postdoutoral do Ministerio de Educación e Ciencia e na Universidade de Harvard, obtendo en 2004 a praza de catedrático de Universidade nunha convocatoria nacional de habilitación. Foi profesor convidado na Universidade de Cambridge (Reino Unido) e no MIT (Estados Unidos). O catedrático da USC é presidente fundador do Grupo Especializado de Química Biolóxica da RSEQ e dende febreiro de 2014 director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS). Ten publicados arredor de 150 artigos científicos, moitos deles nas revistas máis importantes do ámbito da química, 11 capítulos de libro e 15 patentes. Ata agora dirixiu 25 teses doutorais, impartindo así mesmo preto de 100 conferencias como convidado nalgunhas das institucións e simposios internacionais do máis alto nivel. En 2009 foi recoñecido co Premio de Química Orgánica da RSEQ, e recentemente conseguiu a prestixiosa Advanced Grant que concede o Consello Europeo de Investigación (European Research Council - ERC), a única que existe nestes momentos en Galicia; en 2013, a Universidade de Santiago concedeulle a súa Insignia de Ouro. O seu programa de investigación inclúe distintas liñas de traballo, dirixindo boa parte dos esforzos do seu grupo ao descubrimento e desenvolvemento de catalizadores que permitan realizar transformacións químicas máis sostibles. Ademais, Mascareñas foi un dos pioneiros no establecemento da Química Biolóxica en España, unha rama da ciencia baseada en utilizar ferramentas moleculares para modular ou investigar procesos biolóxicos. En concreto, no seu grupo tratan de deseñar sistemas moleculares que permitan controlar procesos de expresión xenética e encimas artificiais, capaces de realizar reaccións químicas en células vivas. Premio a Moisés Guliás O complemento ás achegas científicas do profesor Mascareñas maniféstase nun labor de formación avalada polos éxitos dos seus doutorandos e postdoutorandos, cuxo éxito ilustra o feito de que cinco membros do seu equipo obtiveran contratos Ramón e Cajal, catro recibiron Premios Lilly para estudantes de doutorado, e tres deles foron recoñecidos cos premios a mozos investigadores que outorga a RSEQ. Entre eles Moisés Gulías, galardoado na presente convocatoria co Premio a Novos Investigadores, que se suma a outro que recibiu recentemente, o Thieme Chemistry Award 2015, que recoñece anualmente o labor de arredor 60 novos investigadores en todo o mundo. Moisés Gulías Costa licenciouse en Química na USC en 2001 onde obtivo o título de doutor en 2006 baixo a supervisión do profesor Mascareñas. Como resultado destes estudos doutorais recibiu o Premio Extraordinario de Doutoramento da USC. Así mesmo, durante a súa tese realizou unha estadía na Universidade de Stanford co profesor B. M. Trost. Entre 2007 e 2009 foi bolseiro postdoutoral Marie-Curie no grupo do profesor Matthew Gaunt na Universidade de Cambridge. Un ano máis tarde volveu á USC como investigador Parga-Pondal.

O seu traballo céntrase no desenvolvemento de novos métodos de funcionalización de enlaces carbono-hidróxeno mediante o uso de catalizadores metálicos con metais de transición, o que na práctica supón desenvolver novas transformacións químicas que permitan facer máis directo, económico e sinxelo (así como menos contaminante) o acceso a fármacos e outros compostos bioloxicamente activos.

Moisés Gulías Costa

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.04.2015.