Pasar al contenido principal

O QS University Ranking por áreas destaca a capacidade investigadora da USC en cinco ámbitos temáticos

O QS University Ranking por áreas destaca a capacidade investigadora da USC en cinco ámbitos temáticos
O QS University Ranking por áreas destaca a capacidade investigadora da USC en cinco ámbitos temáticos

Logo da avaliación da produción científica procedente de 3.551 universidades de todo o mundo, o QS World University Ranking acaba de facer público unha nova edición da clasificación que avalía institucións universitarias por áreas de coñecemento. A USC figura destacada no plano internacional en cinco destas áreas e entre as dez primeiras de España noutras doce categorías. Os mellores resultados da institución académica compostelá rexístranse en Linguas Modernas, onde a produción científica ascende ao rango 201-250 de entre as universidades de todo o mundo avaliadas; en Lingua e Literatura Inglesa (251-300), e en Ciencias Medioambientais (251-300). A USC tamén destaca en Medicina, na posición 301-350, e en Matemáticas, igualmente no intervalo 301-350. Tomando como referencia ás outras universidades españolas, a USC sitúase entre as dez mellores universidades españolas en Odontoloxía e en Lingüística (6º posto); en Farmacia e Farmacoloxía, en Ciencias Veterinarias e en Socioloxía, ámbitos nos que se sitúa como a sétima mellor de España; en Educación (8º); Política e Estudos Internacionais (9º); e en Historia, Enxeñaría Química, Ciencias Biolóxicas, Física e Astronomía e en Estudos de Comunicación e Medios (10º). Para a elaboración desta clasificación, os seus responsables tomaron en consideración a opinión experta de 85.602 académicos e 41.910 empresarios, así como a análise de 17,3 millóns de artigos e máis de 100 millóns de citas publicadas e medidas a través das bases de datos de Scopus. QS Ranking Esta nova clasificación complementa á da edición 2014 do QS World University Ranking, que situaba a Universidade de Santiago entre as dezaoito institucións españolas, xunto coa Escola de Negocios ESADE, incluídas entre as 800 máis importantes do mundo segundo. Esta clasificación presta atención a catro áreas como son, investigación, ensino, empregabilidade e proxección internacional. No apartado das institucións españolas figuran, ademais da USC, as universidades de Barcelona, Autónoma de Barcelona, Autónoma de Madrid, Complutense, Navarra, Pompeu Fabra, Politécnica de Cataluña, Carlos III, Politécnica de Madrid, Politécnica de Valencia, Granada, Salamanca, Sevilla, Valencia, Zaragoza, Alcalá, Murcia e a ESADE.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.04.2015.