Pasar al contenido principal

Estudan na USC a implicación da educación para o desenvolvemento no ensino superior

Estudan na USC a implicación da educación para o desenvolvemento no ensino superior
Estudan na USC a implicación da educación para o desenvolvemento no ensino superior

En 2015, Ano Europeo do Desenvolvemento, agardábase acadar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio acordados en 2000; a comunidade internacional debe agora decidir cal será o futuro marco mundial para a erradicación da pobreza e o desenvolvemento sostible. Por todo iso, Europa dedica por primeira vez un ano á acción exterior da Unión Europea e ao papel de Europa no mundo. Precisamente neste contexto, a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC organiza este martes unha xornada dedicada á Educación para o Desenvolvemento (EpD). O III Plan director da cooperación galega define a educación para o desenvolvemento como un proceso educativo permanente baseado en metodoloxías críticas e activas de aprendizaxe que procura a xeración dunha cidadanía global e activa, responsable, comprometida e con conciencia crítica co fin de xerar unha cultura da solidariedade que promova o cambio social de abaixo-arriba, a erradicación da pobreza e da exclusión e o desenvolvemento humano sostible a través da participación cidadá inclusiva na proposta de alternativas transformadoras e na definición e construción de institucións e políticas nacionais e internacionais baseadas en criterios normativos de xustiza social e global para a efectiva realización dos dereitos humanos. Dentro dos perfís profesionais que interveñen neste ámbito de desenvolvemento humano, os vinculados á educación teñen un especial significado. Así, na xornada da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Vida contouse coa colaboración de varios docentes do centro que entenden que esta cuestión se vincula a contidos das materias que imparten nos Graos en Educación Social e en Pedagoxía como Economía da educación, Teoría da educación, Xestión e desenvolvemento de programas na educación social e Recursos humanos así como Sociedade Civil, inmigración e desenvolvemento comunitario do Máster en Educación, Diversidade Cultural e Desenvolvemento Comunitario. Na xornada, na que participan cerca de douscentos inscritos, colaboran as ONGDs Enxeñería Sen Fronteiras, que falou do significado da EpD e a súa implicación na educación superior. Jóvenes y Desarrollo presentou a súa organización e os materiais vinculados a algún dos seus recentes proxectos, e Solidaridade Internacional de Galicia presenta o seu traballo na educación secundaria xunto cunha conferencia sobre o enfoque do marco lóxico (EML), metodoloxía de planificación e desenvolvemento de proxectos, utilizada na cooperación e a EpD. Enmarcada dentro dos eixos un e tres do Plan de Desenvolvemento Sostible dedicados á xeración do coñecemento e á educación e sensibilización, a xornada inaugurouse nun acto no que participaron a adxunta á Vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Mª Carmen Segura Iglesias; o coordinador do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, Javier Agrafojo Fernández; e a coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, Silvana Longueira Matos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.04.2015.