Pasar al contenido principal

Obradoiros de educación ambiental e sobre cómo reducir a factura eléctrica

A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC organiza para este mércores dous obradoiros na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) e na Escola Técnica Superior de Enxeñañía (ETSE). No primeiro emprazamento terá lugar o de educación ambiental e claves para a transición comunitaria e no centro do Campus Vida o titulado ‘Coñece a túa factura eléctrica e aprende a reducila’. O obradoiro de educación ambiental que comezará ás 10.30 horas na aula 3 da facultade fai fincapé na necesidade de promover a sustentabilidade como eixo do desenvolvemento. A actividade está ideada para incidir na formación das bolseiras e bolseiros de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria (SPIU) que son os encargados de promover actividades en cada un dos seus centros docentes ou residencias. Esta sesión de traballo, aberta ao resto do alumnado previa inscrición, pretende ser un novo pulo no deseño, planificación e posta en marcha de iniciativas entre a comunidade universitaria. A actividade correrá da man de Miguel Pardellas, educador ambiental e Investigador en materia de educación, movementos sociais e participación social con experiencia en coordinación e xestión de proxectos e equipos de traballo e formación complementaria en dinámicas grupais, de creatividade e resolución de conflitos. Pagar menos Eugenia Mariño, da asociación de consumidores ADICAE Galicia, será a encargada de explicar a partir das 20.00 horas no salón de actos da ETSE cómo entender a factura eléctrica e as diversas posibilidades que existen para reducila. Analizar o grao de comprensión sobre a factura, saber se a potencia contratada se axusta ás necesidades de cada persoa ou fogar ou verificar se estamos a pagar demasiado son algunhas das dúbidas que se abordarán nesta actividade. Ademais, falarase do consumo enerxético en Galicia a partir dun enfoque ambiental.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.04.2015.