Pasar al contenido principal

O grupo de Historia Moderna presentou o libro La población de Santiago de Compostela, 1630-1860

O grupo de Historia Moderna presentou o libro La población de Santiago de Compostela, 1630-1860
O grupo de Historia Moderna presentou o libro La población de Santiago de Compostela, 1630-1860
Ademais deste novidoso estudo fixo público o número 23 da súa revista Obradoiro

O grupo de investigación de Historia Moderna da USC presentou este martes na Facultade de Xeografía e Historia o número 23 da súa revista Obradoiro e o libro de Enrique Martínez Rodríguez La población de Santiago de Compostela, 1630-1860, un dos poucos realizados en España co método da reconstrución de familias no ámbito urbano seguindo as directrices da prestixiosa Escola Francesa de Demografía Histórica. Os resultados obtidos en Santiago para os séculos XVIII e XIX polo profesor da USC Enrique Martínez conseguen explicar o seu devir demográfico a partir da interacción entre a mortalidade, a fecundidade, a nupcialidade ou a inmigración urbana. Presta tamén atención ás diferentes facetas da exposición infantil ou ao crecente protagonismo que a partir dun momento dado tivo a ilexitimidade. Todos os comportamentos demográficos aparecen analizados no volume desde un punto de vista social, deixando así ‘falar’ á verdadeira protagonista da historia de Santiago, a súa su poboación. Martínez Rodríguez, discípulo de Antonio Eiras Roel, centrou as súas liñas de investigación na demografía histórica do mundo urbano galego do Antigo Réxime así como na realidade universitaria dos séculos XVIII e XIX, a historia social urbana, a asistencia social, as peregrinacións a Santiago, as migracións campo-cidade e o urbanismo. Novo número de Obradoiro Difundir o coñecemento científico no terreo da historia moderna con especial atención ao ámbito de Galicia é o cometido da revista Obradoiro de Historia Moderna, fundada en 1992 a iniciativa do profesor da USC Isidro Dubert. A Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva (ANEP) outórgalle a categoría A e o índice RESH decláraa a revista española de maior impacto científico na área de historia moderna e a segunda na de historia moderna e contemporánea. Neste número 23 aparecen traballos de destacados investigadores peninsulares e europeos que ofrecen información de primeira man sobre o funcionamento dos sistemas hereditarios castelán e francés durante a idade moderna; os "avisos" de Luis Valle da Cerda á monarquía española; o arbitrismo e o imperio ultramarino portugués entre 1580 e 1640; o control e o negocio da débeda na España da primeira metade do século XVIII e as redes de sociabilidade das oligarquías urbanas en Galicia.

Outros temas tratados son o comportamento das elites de Castela-A Mancha a través da concesión de hábitos das ordes militares; o estudo da correspondencia privada e o nacemento da sensibilidade moderna na España do XVIII; os colexiais do Colexio da Sapiencia de Mallorca no séculos XVIII; as exploracións atlánticas de Francisco Muñoz e San Clemente; e as autorizacións do Consello Real de Castela á impresión de libros no século XVI.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.04.2015.