Pasar al contenido principal

O persoal investigador en formación participa esta semana na USC nun encontro

O reitor Juan Viaño inaugura este mércores en Ciencias da Comunicación a xornada

Por terceiro ano, o persoal investigador en formación da USC terá a oportunidade de visibilizar a actividade que se realiza na institución académica compostelá no marco dos programas de doutoramento ao tempo que compartir experiencias de boas prácticas e promover o exercicio da crítica científica. Os días 25 e 26 de marzo na Facultade de Ciencias da Comunicación, profundarase na definición do papel dos doutores e doutoras como actores principais da sociedade, na xeración e transferencia de coñecemento, abrindo espazo para a reflexión sobre as bases para a colaboración entre o doutoramento e as industrias, empresas e administracións públicas. O reitor Juan Viaño inaugurará o encontro ás 9.30 horas para a continuación ter lugar a conferencia de benvida a cargo da catedrática de Farmacia María José Alonso e titulada ‘¿Quero ser doutor/a? Unha perspectiva biofarmaceutica’. A xornada continuará coa presentación, en formato ‘ flash talks’ e de maneira simultánea en varias salas, das diversas investigacións dos participantes.

O programa complétase esa tarde, ás 16.00 horas, cunha mesa redonda sobre o emprendemento na que participarán Juan Carlos Covas, de Mestrelab; Juan Lema Rodicio, de Enxeñaría Ambiental da USC; Eva López Barrio, de Uni-Emprende e Woman Emprende; e Mª Pilar Rodríguez Suárez, de Dehistoria. Tamén o xoves pola tarde terá lugar outra mesa redonda, nesta ocasión sobre as posibilidades de éxito no mercado laboral e na que intervirán os docentes da USC Jesús Salgado e Francisco Ribadulla ademais de Antonio Varela, da Fundación Barrié.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.03.2015.