Dous tríos e unha violinista pechan este luns o XVII Ciclo de novos intérpretes
A décimo sétima edición do Ciclo de Novos Intérpretes que organizan a Asociación Galega da Lírica e a USC chega ao seu fin este luns cun concerto gratuíto que protagonizan, ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) dous tríos e unha violinista. Na primeira parte actuará o Trío Erinias, un tipo trío infrecuente na súa formación composto por arpa, viola e frauta. Tres alumnas de Musikene, o Conservatorio Superior de Música de Euskaki, son as creadoras deste trío: a arpista francesa Mathilde Bernard, a frautista granadina Ana Fernández Anguita e a violista compostelana Cristina Santos Taboada. Xuntas interpretarán a Pequena suite do André Jolivet e unha sonata de Claude Debussy. A violinista viguesa Carla Fontán Costas, alumna de último curso no Conservatorio Superior de Vigo e da Escola de Altos Estudos Musicais como pupila de Nikolay Velikov, iniciará a segunda parte acompañada ao piano por Brais González, con quen interpretará un movemento do cuarto concerto para violín de Mozart e os Aires Gitanos do virtuoso violinista e compositor navarro Pablo Sarasate. O broche final porao o Trío Vicus, agrupación formada pola frautista viguesa Estefanía Fernández Agulla, a cellista lucense Sabela Vázquez Ramos e a pianista monfortina Ana Fernández Gayoso. Estas alumnas do Conservatorio Superior de Música de Vigo interpretarán un trío do pouco coñecido compositor ruso Nikolai Kapustin e as Estaciones porteñas do mestre do tango Astor Piazzolla. Remata así a edición número dezasete do certame galego dedicado a novos intérpretes máis antigo en activo. Máis de corenta novos músicos galegos e residentes en Galicia interviñeron nesta ocasión con concertos nos que a música de cámara foi a protagonista e na que se puideron escoitar intérpretes dunha gran variedade de instrumentos. Houbo tamén presenza de tres cantantes (dúas sopranos e un barítono) e grupos de cámara, algún deles pouco habituais como dúo de violoncellos, cuarteto de cordas, piano a oito mans, cuarteto de frauta e cordas ou trío de frauta, violoncello e piano.