Pasar al contenido principal

A USC amosa a oferta académica e os servizos do campus lugués a estudantes de ensino medio das provincias de Lugo e A Coruña

Estudantes e docentes, no auditorio da Facultade de Veterinaria
Estudantes e docentes, no auditorio da Facultade de Veterinaria
Uns 270 alumnos de secundaria procedentes de nove centros educativos visitan a sede universitaria luguesa a través do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’

Uns 270 estudantes de ensino medio procedentes de distintos centros educativos das provincias de Lugo e A Coruña (IES Gregorio Fernández, de Sarria, CPI Luis Díaz Moreno, de Baralla; IES de Becerreá, IES Xograr Afonso Gómez, de Sarria; IES Cabo Ortegal, de Cariño; CPI Virxe do Monte, de Cospeito; IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, IES Muralla Romana e IES de Porto do Son) visitan este venres os distintos centros universitarios da USC radicados no campus lugués. Esta iniciativa desenvólvese no marco do programa Encontros no campus de Lugo, unha xornada de orientada a dar a coñecer a oferta de estudos e servizos da USC na sede universitaria luguesa a estudantes preuniversitarios, organizada ao abeiro do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’.

O decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina, e o coordinador do programa ‘A Ponte’ no campus de Lugo, Francisco Javier López, foron os encargados de dar a benvida ao estudantado preuniversitario nun acto desenvolvido no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo, onde Santamarina e López, fixeron unha presentación xenérica do campus de Lugo da USC, antes de que varios estudantes universitarios ofreceran aos asistentes a súas particulares visións do campus de Lugo e relataran algunhas das experiencias vividas no seu periplo como estudantes da USC.

Unha vez rematada esta sesión, os escolares, distribuídos en grupos en función das súas preferencias e acompañados de estudantes e profesores universitarios, completaron itinerarios de visitas ás distintas facultades e escolas do campus de Lugo, ademais de facer un percorrido polas instalacións da Biblioteca Intercentros.

O obxectivo desta xornada, segundo explicou Francisco Javier López, é o de dar a coñecer ao alumnado preuniversitario a oferta académica e de servizos que presenta a USC en Lugo, “un campus moderno e con moitas potencialidades, aínda que moi pouco coñecido”, dixo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.03.2015.