Pasar al contenido principal

‘Afronta o teu futuro profesional’, un completo programa que a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais desenvolve en abril

Busca a mellora da empregabilidade e o fomento das habilidades emprendedoras do alumnado

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC desenvolverá en abril un completo programa de actividades relacionadas coa mellora da empregabilidade e o fomento das habilidades emprendedoras dirixido ao alumnado de calquera das titulacións da USC, fundamentalmente dos últimos anos de grao e máster. As dúas actividades principais do programa ‘ Afronta o teu futuro profesional’, Talent’s Loop e Tour Pop Up Emprendedores, son de carácter formativo e teñen como obxectivo respectivamente a mellora das competencias profesionais (persoais e sociais) de cara a procura de emprego e das competencias para o emprendemento. Talent´s Loop Os días 16 e 17 de abril a Facultade e a Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora organizan o Talent´s Loop, un itinerario formativo que busca mellorar as competencias e habilidades profesionais do alumnado. Inclúe unha serie de obradoiros deseñados para afondar no desenvolvemento das competencias transversais necesarias para levar con éxito a busca de emprego, con temáticas que van desde a marca persoal ata as habilidades comunicativas. Como elemento máis novidoso deste programa, durante os dous días se porá en marcha un ‘ Laboratorio de Emprego’, no que se simulará un proceso personalizado de selección real. Toda a información e as inscricións atoparanse na web propia http://www.talentsloop.com. Tour Pop up Emprendedores O Pop up Emprendedores é un itinerario formativo para a ideación de proxectos de carácter social, que desenvolve a Fundación Telefónica en varias universidades españolas e chega por primeira vez á USC (22 e 23 de abril). As ideas máis interesantes poden pasar ao programa Think Big, un programa da Fundación que ofrece ferramentas e axuda para facer realidade o seu proxecto. Como aperitivo, o luns 13 pola tarde terá lugar unha visita ao espazo de crowdworking do proxecto Galicia Open Future que a Fundación Telefónica ten creado coa colaboración da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura. Outras actividades O programa ‘Afronta o teu futuro profesional’ contempla moitas outras actividades que complementan a información e formación requirida polos que están a punto de rematar os estudos e queren saber máis sobre as súas posibilidades futuras. O mércores 15 ás 12:00 horas terá lugar unha mesa redonda na que se presentará a oferta de programas de posgrao que se imparten na facultade. E o luns 20 a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC organiza a Xornada ‘Empresas sostibles no entorno galego’ na que participarán empresas e institucións cuxa actividade é a de manter e mellorar as condicións medioambientais a través dunha estratexia de RSE. Tamén a Asociación Profesional do Corpo Superior de Interventores e Auditores do Estado presentará o día 21 ás 13:00 horas as características da súa profesión, regulada por oposición e para a que este ano se agarda a convocatoria dun maior número de prazas que en anos anteriores. Ademais, o mércores 22 ás 12:00 horas o Colexio de Economistas da Coruña organiza unha mesa redonda sobre as saídas profesionais para os titulados en ADE e Economía na que participarán profesionais e especialistas dos distintos perfís máis frecuentes entre os graduados nestas titulacións. O día 24, en colaboración co Club Financeiro de Santiago, intervirá na facultade Josef Ajram, trader de Bolsa e deportista nas probas máis esixentes do ultrafondo e un dos máis carismáticos comunicadores no ámbito das competencias tanto profesionais como persoais. As asociacións estudantís tamén organizan varias actividades no contexto da programación. Así, o martes 14 ás 18:00 horas a asociación e³ organiza unha charla-debate da man do orientador laboral Xosé Alberte Cea cuxo obxectivo é mostrar os cambios acontecidos no mercado de traballo, os actuais procesos de busca de emprego e de selección de persoas, así como o desenvolvemento profesional na sociedade dixital. Pola súa banda, AIESEC organiza ao longo de todo o venres 24 un foro de emprego con grandes empresas que manteñen abertos procesos de selección ou son expertas nesta temática, entre elas as big4 da auditoría (KPMG, Deloitte, PriceWaterhouse Cooper e Ernst&Young) e outras como Everis Group.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.04.2015.