Pasar al contenido principal

Investigadores da USC avanzan no deseño e caracterización de derivados de sales biliares útiles para a purificación de augas

Juan Ventura Trillo Novo, na defensa da súa tese de doutoramento en Ciencias
Juan Ventura Trillo Novo, na defensa da súa tese de doutoramento en Ciencias
A tese de doutoramento defendida por Juan Ventura Novo Trillo na Facultade de Ciencias mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude

Unha investigación nos eidos da Química Supramolecular e Fisicoquímica de surfactantes desenvolvida na USC posibilita o deseño, caracterización e síntese de novos elementos que poden ter aplicacións para a purificación de aguas. Este estudo deu pé á tese de doutoramento ‘Síntese e caracterización de surfactantes derivados de sales biliares, éteres coroa, adamantados e cadeas hidrocarbonadas’, realizada por Juan Ventura Trillo Novo, do Departamento de Química e Física da USC, baixo a dirección dos profesores José Vázquez Tato e Francisco Ángel Meijide del Río.

Esta investigación de doutoramento, que vén de ser presentada na Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC, implicou o deseño, a síntese e a caracterización en disolución acuosa de derivados de sales biliares, éteres coroa e grupos hidrófobos como os adamantanos e as cadeas hidrocarbonadas. As conclusións recollidas na investigación de Trillo Novo subliñan que a comparación destes novos compostos cos surfactantes (elementos con capacidade de modificar a tensión superficial da auga) clásicos, evidencia unha mellor capacidade surfactante e por riba da súa concentración de agregación crítica, estes novos compostos forman agregados de xeometría diversa, como o son os tubos moleculares, vesículas, micelas... Este investigador do Departamento de Química e Física da USC salienta asemade na súa tese de doutoramento que algúns derivados de éteres coroa amosan unha mellora significativa da capacidade de extracción de ións alcalinos e outros, derivados do ácido nitrilotriacético, o que fai susceptible o seu emprego para procesos de purificación de augas, ao tempo que mimetizan o comportamento dos fosfolípidos naturais. Composición do tribunal e cualificación O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento defendida por Juan Ventura Trillo Novo na Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC estivo presidido polo catedrático e profesor ad honorem da USC José Miñones Trillo. Issa Katime, catedrático emérito do Departamento de Química Física da Universidade do Pais Vasco; Rosa Leila, profesora do Departamento de Química Orgánica da Universidade tinerfeña de La Laguna; o catedrático de Química Orgánica de Costa Rica Víctor Hugo Soto, ademais da decana da Facultade de Farmacia da USC, Isabel Sández Macho, en calidade de secretaria, conformaron o tribunal que outorgou a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á tese presentada por Juan Ventura Trillo Novo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.04.2015.