Matemáticas acolle a vindeira semana a European Study Group with Industry e a II Iberian Modelling Week
A próxima semana celebraranse na Facultade de Matemáticas da USC a 110A European Study Group with Industry (ESGI) e a II Iberian Modelling Week, en cuxa organización participan investigadores da USC e do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati) e cuxa inauguración conxunta presidirá o reitor Juan Viaño nun acto ás 9.15 horas. Acompañarano na mesa presidencial o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey; a decana da Facultade, Victoria Otero Espinar; o catedrático Laureano Escudero Bueno, en representación do Comité Científico; Manuel Cruz, representante da Rede Portuguesa de Matemática Industrial e Innovación; e a profesora Elena Vázquez Cendón. ESGI O European Study Group with Industry é un encontro entre a industria e a comunidade matemática iniciado en Oxford en 1968, que segue vixente hoxe como un dos métodos máis eficaces e de maior recoñecemento internacional en materia de transferencia de tecnoloxía e coñecemento. Varias empresas presentarán un reto en formato de problema matemático detectado na súa actividade e que podería ser tratado con tecnoloxía matemática. Concretamente participarán representantes de Repsol, Reganosa ou do CIS Madeira. Tras catro días de traballo, “as empresas esperan atopar unha solución ao ter esbozado unha liña de colaboración para a súa resolución a curto oumedio prazo. Estes resultados presentaranse o día 2 de xullo, durante a xornada de conclusións deste encontro entre científicos industriais e investigadores matemáticos”, explica Peregrina Quintela, directora de ITMATI e presidenta de Math-in. Modelización En paralelo a ESGI, unha vintena de novos investigadores e académicos reúnense na II Iberian Modelling Week, que terá lugar entre os días 29 de xuño e 3 de xullo, tamén en Santiago. Buscar solucións a problemas industriais a través da matemática aplicada, a estatística e a investigación operativa é xa un perfil profesional que se demanda no mercado laboral. “Máis que un novo perfil tratase dun perfil que se está consolidando” apunta Elena Vázquez Cendón, profesora titular de Matemática Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela e investigadora adscrita a ITMATI, e coordinadora do Máster de Matemática Industrial (M2i). Como engade, “a taxa de empregabilidade destes profesionais supera o 80% e, durante os dous últimos anos marcados pola crise, o soldo medio mellorou ao igual que a calidade dos empregos”, conclúe. Este evento, coorganizado entre ITMATI, a Rede Española Matemática-Industria (math-in) e a Rede Portuguesa de Matemática para a Industria e a Innovación (PT-MATHS-IN), reúne a estudantes de másteres de matemáticas como o Interuniversitario en Matemática Industrial (M2i) e o Interuniversitario en Técnicas Estatísticas, ambos orientados á resolución de problemas industriais.