Pasar al contenido principal

Unha investigación da EPS desenvolve novas ferramentas de xestión dos bosques mixtos e irregulares do Estado de Durango

Carlos Antonio López, Sacramento Corral e Juan Gabriel Álvarez, na EPS
Carlos Antonio López, Sacramento Corral e Juan Gabriel Álvarez, na EPS
A tese de doutoramento presentada na USC polo mexicano Sacramento Corral Rivas e dirixida por Juan Gabriel Álvarez e Carlos Antonio López obtivo a máxima cualificación

Unha investigación realizada na Escola Politécnica Superior da USC polo enxeñeiro forestal mexicano e profesor no Instituto Tecnolóxico de El Salto, no Estado de Durango, Sacramento Corral Rivas, desenvolve novas ferramentas orientadas a mellorar a xestión e a produtividade dos bosques irregulares e mixtos que son característicos da Serra Madre Occidental, unha rexión de grande interese ecolóxico dentro da que se atopa gran parte do Estado de Durango.

As investigacións desenvolvidas por Corral Rivas están recollidas na tese de doutoramento ‘ Ferramentas para a xestión dos bosques mixtos e irregulares do Estado de Durango’, dirixida polo catedrático da USC Juan Gabriel Álvarez e por Carlos Antonio López Sánchez, do Instituto de Silvicultura e Industria da Madeira de México, que vén de presentarse na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. Corral Rivas presenta na súa tese diversas ferramentas que se antollan acaídas para mellorar a xestión dos bosques mixtos e irregulares do Estado de Durango. Daquela, este investigador mexicano, que chegou ao campus de Lugo en 2010 a gravés dun programa de bolsas de investigación creado polo Banco Santander, desenvolve na súa investigación uns diagramas para o manexo da densidade do rodal (DMD), que permiten simular diversas alternativas de xestión ao longo da quenda. A caracterización e modelización das distintas distribucións de diámetros das árbores deste bosques, a través dun método que axusta altura e diámetro mediante modelos mixtos que inclúen parámetros específicos en cada sitio, constitúe outra das achegas feitas por este investigador mexicano na súa tese de doutoramento. Outra das contribucións plasmadas na teses de doutoramento de Corral Rivas estriba na construción dun modelo de crecemento en diámetro de árbore para as especies do xénero Pinus, que tamén emprega modelos mixtos con parámetros específicos de cada sitio. A utilidade dos resultados obtidos por este investigador mexicano é máxima para a mellora da xestión dos bosques da Serra Madre Occidental, unha rexión de alta heteroxeneidade ambiental, consecuencia da súa elevada diversidade fisiográfica e climática. De feito, esta rexión, que abrangue gran parte do estado de Durango, xera entre o 25% e o 30% da produción anual de madeira de todo México (1,5 millóns de metros cúbicos de madeira), ademais de ser unha importante fonte de servizos ambientais. O manexo forestal na rexión tense enfocado nas últimas tres décadas cara bosques irregulares para o aproveitamento das especies de madeiras de maior valor comercial, sobre todo do xénero Pinus. A xestión destes bosques semi naturais require ferramentas cuantitativas que permitan predicir o seu crecemento para, deste xeito, poder programar os tratamentos silvícolas axeitados, facer estimacións cuantitativas e cualitativas dos produtos a obter, optimizar o momento da corta... ademais de avaliar outros servizos do bosque, tales como os referidos á súa capacidade para capturar carbono e mitigar o efecto invernadoiro. Tribunal da tese e cualificación O catedrático de Silvicultura da Universidade de Göttingen, Klaus Von Gadow, actuou como presidente do tribunal encargado de cualificar a tese de doutoramento presentada na Escola Politécnica Superior da USC por Sacramento Corral Rivas baixo o título ‘Ferramentas para a xestión dos bosques mixtos e irregulares do Estado de Durango, México’, unha investigación co dirixida por Juan Gabriel Álvarez e Carlos Antonio López que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude. O investigador en Silvicultura e Xestión dos Sistemas Forestais Gregorio Montero González, do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria ; Andrea Hevia Cabal, do Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira, e Esteban Gómez García, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, tamén formaron parte deste tribunal de tese, do que actuou como secretario Roque Rodríguez Soalleiro, catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.06.2015.