Pasar al contenido principal

Unhas xornadas de simulación e control dan visibilidade á I+D+i do campus de Lugo no eido das Ciencias da Terra

Cuesta, Bueno, Vilar e Vázquez, na apertura das xornadas de simulación e control en Ciencias da Terra, na EPS
Cuesta, Bueno, Vilar e Vázquez, na apertura das xornadas de simulación e control en Ciencias da Terra, na EPS
A transferencia de coñecemento e a análise de vías de colaboración interdisciplinar son obxectivos deste foro, que cita na EPS investigadores de Galicia e de México

As xornadas de simulación e control en Ciencias da Terra promovidas polos investigadores do Departamento de Matemática Aplicada da USC do Grupo de Simulación e Control Óptimo en Medio Ambiente e Bioinformática Miguel Ernesto Vázquez e Miguel Vilar, pretenden favorecer a transferencia de coñecemento e amosar tanto á comunidade científica como á sociedade en xeral as potencialidades e as múltiples aplicacións da I+d+i que se está a desenvolver no campus de Lugo neste eido.

O programa deste foro, que xurde a consecuencia do auxe experimentado pola simulación numérica e o control óptimo nas últimas décadas, reúne desde hoxe e durante dous días na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC un amplo abano de expertos en diferentes campos da enxeñaría agraria, forestal, hidráulica, hidroloxía, enerxías renovables… con outros especialistas en simulación numérica e control óptimo de sistemas. A posta de manifesto do carácter transversal das disciplinas científicas que conflúen no campo das denominadas ciencias da terra constitúe un dos obxectivos que buscan salientar os organizadores deste xornada, segundo explicou o profesor Miguel Vilar na apertura deste foro, no marco dun acto no que tamén participaron o director da Escola Politécnica Superior da USC, Tomás Cuesta, e o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno. Bueno destacou na súa intervención a importancia de agromar esforzos e tamén o potencial de cada un dos distintos grupos de investigación para así favorecer unha maior transferencia de avances e servizos á sociedade. Asemade, o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo fixo alusión á cualificación dos relatores participantes nestas xornadas ao tempo que agradeceu a presenza do investigador Néstor García Chan, da Universidade de Guadalajara de México, “un país cunha forte pegada no campus de Lugo, onde este curso están a completar distintos programas formación universitaria 90 estudantes mexicanos”, dixo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.06.2015.