Pasar al contenido principal

Juan Gestal tomou posesión como decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía

Juan Gestal nun momento da súa toma de posesión presidido polo reitor Juan Viaño (esquerda). Foto: Servimav-USC
Juan Gestal nun momento da súa toma de posesión presidido polo reitor Juan Viaño (esquerda). Foto: Servimav-USC
Inicia así o seu segundo mandato logo da súa reelección o pasado decembro

O catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC Juan Gestal Otero tomou posesión este luns, 2 de marzo, como decano da Facultade compostelá de Medicina e Odontoloxía, cargo que ocupará por outros catro anos máis logo de ser reelixido no cargo o pasado mes de decembro. Completan o equipo decanal José Carreira Villamor e Víctor Arce Vázquez como vicedecanos, Juan Suárez Quintanilla como vicedecano de Odontoloxía e María Teresa Castaño Oreja como secretaria. Rematar a implantación do grao en Medicina é un dos seis desafíos aos que o novo equipo se enfrontará no futuro máis inmediato, con especial atención á realización da proba de Evaluación Clínica Objetiva Estructrada (ECOE) e aos Traballos Fin de Grao que no próximo curso 2015-2016 realizarase para preto de 400 alumnos e alumnas. En ambos os dous casos, preséntase un “reto importante de organización e de recursos económicos”, para os que a Facultade leva tempo traballando na procura de atopar solucións eficientes, segundo explicou o profesor Gestal. En paralelo, o decano sinalou tamén que o centro porá en marcha unha comisión que permita propoñer accións de adecuación e mellora ao actual plano de estudos de Medicina. A modo de exemplo, Juan Gestal valorou o paso das aulas á práctica profesional pola vía do MIR, “os decanos entendemos que as probas MIR deberían ser sobre o que se lles ensina nas facultades, o que non se vén facendo na actualidade” dixo ao respecto. Na súa opinión mudar o proceso neste eido “permitiría aos graduados e á sociedade gañar un ano de vida laboral e produtividade respectivamente e ás familias aforrar moitos cartos”. Continuando no relatorio de próximos desafíos, o profesor Gestal aludiu á reposición do profesorado como “un dos problemas ao que se enfrontan as Facultade de Medicina e Odontoloxía de España” e particularmente “ao avellentamento dos seus cadros de persoal, especialmente dos profesores de clínica con praza vinculada”. O decano cifrou en catorce as xubilacións de profesores con praza vinculada nos ámbitos da docencia clínica en Medicina, Pediatría, Obstetricia e Xinecoloxía e Cirurxía entre os próximos tres e catro anos. En paralelo, Juan Gestal avoga por “ fomentar entre os médicos as vocacións docentes para as materias básicas o que debería comezar por facilitar de xeito oficial o inicio nas actividades docentes durante a etapa MIR”. A construción de novos espazos para Medicina e Odontoloxía e a promoción da utilización da Clínica de Odontoloxía foron os puntos seguintes tratados polo decano na súa intervención. Sobre esta última, o doutor Gestal trázase como obxectivo promover unha maior utilización da Clínica Odontolóxica mediante campañas de captación de pacientes e coa formalización de convenios con diferentes organismos e colectivos, “coa ánimo de prestar tamén un servizo á comunidade atendendo, a baixo custe e alta calidade, aos grupos da poboación máis necesitados”, sen descartar “ transformar a Clínica nun gran centro de asistencia multidisciplinar e investigación odontolóxica de excelencia, de referencia para Galicia e o norte de España e Portugal”. Para completar o cadro de desafíos do seu mandato, o decano sinalou a realización de probas de acceso específicas para o acceso ás titulacións. No marco da Conferencia Nacional de Decanos, “constituímos unha comisión que contará co asesoramento de expertos internacionais e irá presentando alternativas para a súa discusión e análise en próximas xuntanzas”. Á creación de novos espazos referiuse o reitor no seu discurso. “Ratifico o meu firme compromiso para convencer a quen sexa preciso para lograr os investimentos necesarios que nos permitan ter as infraestruturas que precisamos”, dixo, e sinalou como primeiro paso a inminente poxa do antigo Hospital Provincial da rúa Galeras. Juan Gestal Catedrático e xefe do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Juan Gestal é ademais académico numerario da Real Academia de Medicina e Cirurxía e da de Farmacia de Galicia, así como académico correspondente da Academia Nacional de Medicina de Bos Aires e da de Medicina de Paraguai e doutor honoris causa pola Universidade Nacional San Luis Gonzaga de Ica (Perú). Dedicou grande atención e esforzos á saúde laboral, en especial á saúde laboral hospitalaria, sendo o seu libro Riesgos del trabajo del personal sanitario obra de referencia e obrigada consultada por todos os/as profesionais deste eido. Dirixiu e participou en 32 proxectos de investigación competitivos e ten publicados 81 artigos en revistas indexadas, ademais de ser autor de 25 libros e de 48 capítulos noutros volumes. É coordinador do programa de doutoramento de Saúde Pública da USC dende a súa posta en marcha a comezos dos anos 80 e das sucesivas adaptacións ata o actual programa en Epidemioloxía e Saúde Pública. Tamén coordina o Grupo 14, grupo de investigación de Santiago do CIBER de Epidemioloxía e Saúde Pública (CIBERESP) dende 2007, e o grupo de Epidemioloxía, Saúde Pública e Servizos de Saúde da USC e da área Plataformas e Epidemioloxía do IDIS.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.03.2015.