O reto social da provisión de alimentos seguros, saudables e de calidade centra unha xornada de BioReDes no campus de Lugo

A enxeñeira agrónoma Marta Conde Vidal, punto nacional de contacto de Bioeconomía e Prima do Departamento de Retos Sociais, Dirección de Programas da UE e Cooperación Territorial dependente do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI), ofreceu este xoves, no edificio Cactus do campus de Lugo, o relatorio ‘H2020. Reto social 2. Seguridade alimentaria, agricultura e silvicultura sustentables, investigación mariña e marítima e de augas interiores e a bioeconomía’.
A intervención de Conde Vidal encádrase no marco dunha xornada promovida polo grupo de traballo de Internacionalización de BioReDes que coordina a catedrática da USC Rosa Mosquera. Esta iniciativa pretende favorecer e fomentar a participación de investigadores do Campus Terra da USC en programas de financiación de proxectos internacionais, e neste caso, máis concretamente, no programa europeo H2020. A sesión está aberta á participación de toda a comunidade científica e ao persoal investigador interesado, congregou preto de 40 persoas.
A intervención de Marta Conde Vidal afondou en cuestións ligadas ou consideradas como obxectivos específicos do segundo dos retos sociais incluídos na estratexia H2020, un compendio de accións orientadas a garantir un abastecemento suficiente de alimentos seguros, saudables e de gran calidade e outros bioprodutos, mediante o desenvolvemento de sistemas de produción primaria que sexan produtivos, sostibles e eficientes en recursos.
O fomento dos correspondentes servizos ecosistémicos e a recuperación da diversidade biolóxica, xunto a cadeas de subministro, de transformación e comercialización competitivas e de baixa emisión de carbono constitúen outras das premisas da estratexia H2020, a través da que se busca acelerar a transición cara unha bioeconomía europea sustentable, estreitando a fenda entre as novas tecnoloxías e a súa implementación.
Marta Conde Vidal, na súa intervención na xornada promovida por BioReDes