Pasar al contenido principal

A USC súmase á conmemoración do Ano Internacional dos Solos

A USC súmase á conmemoración do Ano Internacional dos Solos
A USC súmase á conmemoración do Ano Internacional dos Solos

Un acto académico na Facultade de Bioloxía este mércores abriu a conmemoración do Ano Internacional dos Solos 2015 na USC, efeméride que subliñou a transcendencia dos solos como un recurso non renovable cuxa conservación é esencial para a seguridade alimentaria e un futuro sustentable, fundamento para a vexetación, sustento da biodiversidade ou elemento que axuda a combater e adaptarse ao cambio climático. A conmemoración do Ano Internacional dos Solos 2015 é unha iniciativa a prol da plena concienciación da sociedade e a quen ten a responsabilidade na toma de decisións sobre a importancia do solo para a vida humana, ao tempo que educar ao público sobre o papel que desempeña o solo na seguridade alimentaria, a adaptación e a mitigación do cambio climático, os servizos ecosistémicos esenciais, a mitigación da pobreza e o desenvolvemento sostible, entre outros. O reitor Juan Viaño presidiu a xornada inaugural celebrada na Aula Magna da Facultade de Bioloxía e na que tamén interviñeron o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto; o decano da Facultade de Bioloxía, Antonio Segura Iglesias; a presidenta da delegación de Galicia da Sociedade Española da Ciencia da Solo (SECS), Montserrat Díaz Raviña; a directora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, Carmen Trasar Cepeda; a directora do Museo de Historia Natural da USC, Mª Isabel Fraga Vila; e o director do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, Eduardo García-Rodeja Gayoso. “Os solos son un recurso único e a súa conservación é especial para a nosa seguridade, especialmente a alimentaria” dixo Juan Viaño na súa intervención para concluír que “falamos, en definitivo, da nosa cultura e do noso xeito de ser”. O reitor sinalou a longa tradición da docencia e a investigación realizada na USC neste ámbito dende un enfoque multidisciplinar posible a través do labor realizado nas facultades de Bioloxía, Farmacia, Química, ou Xeografía e a Historia así como na Escola Politécnica Superior. No ámbito da investigación, dende a USC desenvólvese unha destacada achega ao coñecemento dos solos da zona húmida española, moi en particular en Galicia, e noutros temas como os compoñentes e as propiedades físicas, química e biolóxicas do solo, a fertilidade, uso e a súa distribución, así como aspectos relacionados coa cartografía ou a avaliación deste recurso. Como se puxo de manifesto na sesión, co desenvolvemento desta disciplina cobrou especial importancia a aplicación do coñecemento adquirido ao coñecemento do medio ambiente e a problemas ambientais, incluíndo a sanidade ambiental, a contaminación e recuperación de solos e augas, uso e xestión de residuos, a súa aplicación ao uso do patrimonio ou a utilización da información almacenada no solo para estudos paleoambientais, entre outros. Con anterioridade ao acto académico, José Antonio Vega, do Centro de Investigación Forestais de Lourizán, pronunciou a conferencia ‘A conservación do solo, clave da xestión forestal sostible de Galicia’. A xornada completouse coa inauguración da exposición itinerante na que a SECS propón un achegamento a relación entre ‘Los Suelos y la Biodiversidad Forestal’ e que se poderá visitar na sede do Museo de Historia Natural.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.03.2015.