Graduacións das promocións de Relacións Laborais, ADE e Enxeñaría Informática
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas, a Escola Universitaria de Relacións Laborais e a Escola Politécnica Superior de Lugo e a ETSE de Santiago celebrarán este venres 12 os actos de graduación das novas promocións. Súmanse ademais as dos máster en Dirección de Proxectos do Campus de Lugo e Dirección de Empresas en Santiago. Lugo O primeiros dos actos académicos programados para este venres no campus en Lugo desenvolverase, a partir das 18.00 horas, na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior. O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois; o director da EPS, Tomás Cuesta García; a vicepresidenta en funcións da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez, e o director do máster en Dirección de Proxectos da USC, Carlos Amiama, intervirán na clausura da sétima edición do máster en Dirección de Proxectos, un acto no que tamén participarán os 22 graduados que completaron esta formación de posgrao no último curso e durante o que se entregarán os premios aos mellores traballos de fin de máster das dúas últimas edicións. O acto de graduación da terceira promoción do grao en Administración e Dirección de Empresas, integrada por un total de 66 estudantes, desenvolverase a partir das 18.30 horas na Aula Magna do centro universitario lugués. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, presidirá esta cerimonia, durante a que o director financeiro do grupo Cofrico, Rafael Sánchez García, nomeado padriño da promoción, ofrecerá un relatorio baixo o título ‘Xestión da innovación empresarial’. O alcalde en funcións do Concello de Lugo, José López Orozco; o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a decana da Facultade de ADE, Begoña Barreiro; a deputada provincial Sonsoles López Izquierdo e Vicente Centelles, en representación do Colexio Oficial de Economistas de Lugo, tamén intervirán como relatores nesta sesión académica, na que se fará un recoñecemento público a Sara López Flores por ter o mellor expediente do grao en ADE da promoción 2010-2014. A Escola Universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo despedirá este venres, a partir das 19.00 horas, a quinta promoción do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, integrada polos 38 estudantes que completaron esta formación universitaria no período comprendido entre 2011 e 2015. A cerimonia de graduación desenvolverase no salón de actos do centro universitario lugués, no marco dunha sesión académica na que participarán a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; o deputado delegado da área de Cooperación cos Concellos da Deputación Provincial de Lugo, Álvaro Santos; o secretario do Colexio de Graduados Sociais de Lugo, Ángel Regueira Racamonde, Francisco Real Castro, conselleiro delegado institucional da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), e a directora da escola universitaria de Relacións Laborais, Mercedes Montes. O deputado delegado das áreas de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo e presidente da Fundación Campus Universitario de Lugo, Mario Outeiro Iglesias, quen tamén actuará como padriño nos novos egresados, será o encargado de presidir este acto académico, no marco do que se procederá á entrega de diplomas e imposición de insignias aos novos graduados/as, ademais de distinguir a Jéssica Regueiro Fernández como mellor expediente da promoción 2010-2014. Santiago A VI promoción do grao en Enxeñaría Informática da Escola Técnica Superior de Enxeñaría celebrará o seu acto ás 18.30 horas no Salón de Actos da Escola presidido polo vicerreitor de Internacionalización da USC, Carlos Salgado López. En nome do alumnado intervirán Álvaro Gómez Prado e Martín Vázquez Rumbo, a quen lles seguirán Dora Blanco Heras e José Varela Pet, madriña e padriño da promoción. Continuarán coa quenda de palabras o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, Marcos J. Mata Mansilla; o director do Departamento de Electrónica e Computación, Antonio García Loureiro; o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS), Paulo Félix Lamas; e por último o director da Escola, Antonio Mosquera González.
Pola súa banda, o acto da sexta promoción do máster universitario en Dirección de Empresas será ás 18.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca presidido polo secretaria xeral da USC, Consuelo Ferreiro. Na quenda de intervencións, logo de Zeltia Freire Álvarez e Jared Villaverde Dios en representación do alumnado e do coordinador do máster, Emilio Ruzo, falarán a vicedecana de Ciencias Económicas e Empresariais Loreto Fernández e a madriña da promoción, Nita Baeza, socia de byb asesores. A entrega de diplomas e de agasallos á madriña e ao coordinador da promoción pecharán a xornada.