A USC aborda nun curso de verán a comunicación como ferramenta para a cooperación e o desenvolvemento
A xornalista Rosa María Calaf, que traballou por moitas zonas do mundo como correspondente de RTVE durante máis de dúas décadas, e o fotoxornalista Gervasio Sánchez, Premio Nacional de Fotografía 2009, tamén especializado na cobertura de conflitos armados, son dous dos profesionais que intervirán como relatores no curso de verán da UsC ‘ Reportaxes sen fronteiras: A comunicación como ferramenta para a cooperación, o desenvolvemento e o cambio social’, que se celebrará do 23 ao 26 de xuño en Fonseca. O prazo de matrícula neste programa permanecerá aberto ata o venres.
Dirixido polo profesor do Departamento de Ciencias da Comunicación da USC Xosé Antonio Neira Cruz e estruturado en 30 horas lectivas repartidas ao longo de 4 xornadas, este seminario da Universidade de Verán 2015 da USC pretende esculcar os puntos de contacto entre comunicación, diversidade cultural, integración e reinserción social. Na procura de ligazóns e puntos de interconexión entre a comunicación coa cooperación e o desenvolvemento, os promotores deste curso propoñen liñas de acción que permiten entender a convivencia cultural como un elemento de dinamización humana e pescudando nas novas formas de informar e nos xeitos de concibir o traballo do xornalista como axente activo. O programa deste foro estival da USC inclúe ademais dos relatorios progamados a celebración de diversos obradoiros, a través dos que busca acadar un maior grado de interactividade por parte dos participantes. Cada xornada do seminario abordará de xeito pouco menos que monográfico un tema diferente. O primeiro día afondarase no cometido e nas funcións do comunicador na ONG, para logo abordar polo miúdo distintas experiencias de comunicación e cooperación, o xornalismo de guerra e o fotoxornalismo, ou o xornalismo social en contextos internacionais.