Segunda edición do curso de verán de coaching educativo
Os días 22 e 23 de xuño desenvolverase na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) a segunda edición do curso de verán ‘ Coaching educativo: estratexias e ferramentas para a educación’, no que se lle achegarán aos profesionais en activo e aos futuros ferramentas e recursos para potenciar as competencias individuais. O prazo de matrícula remata este venres 12. O curso, que conta coa colaboración da empresa Identia Coaching & Formación, comezará con dúas conferencias sobre comunicación positiva e a docencia coaching para continuar con tres obradoiros prácticos sobre a programación neurolingüística na aula, establecemento de metas e obxectivos e competencias para a práctica do coaching educativo. A segunda xornada dedicarase a dúas mesas de experiencias. Na de coaching na educación social e a intervención familiar explicarase o Programa de Acollemento en Familia Extensa (Coruña-Lugo) en Aldeas Infantís SOS Galicia e a Casa de Familia da Fundación Aldaba. Na segunda, sobre titoría de iguais en Galicia, exporanse casos dos Institutos de Educación Secundaria do Camiño de Palas de Rei e de Brión e do Centro de Desenvolvemento Infantil e Atención Familiar ‘LÁPIZ’ de Vigo.