Grupos interdisciplinares da USC buscan sinerxías no descubrimento e desenvolvemento de fármacos
Como parte dos esforzos para promover e impulsar investigacións conxuntas entre os grupos da Rede de Centros Singulares do Campus de Excelencia Internacional Campus Vida, a USC organiza este xoves 11 unha xornada sobre ‘Investigación en descubrimento e desenvolvemento de fármacos’ no que se darán cita os equipos dos centros singulares en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) e Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS). É un evento que coordinan as profesoras Concepción González Bello (CIQUS) e Mabel Loza (CIMUS) e que dá continuidade a unha serie de xornadas previas da rede de centros singulares como as xa celebradas sobre bioinformática (CITIUS-CIQUS-CIMUS) e a nanomedicina (CIMUS-CIQUS). O programa desenvolverase na Aula Magna da Facultade de Bioloxía e comezará ás 9.30 horas coa conferencia inaugural do representante da empresa Oryzon Genomics Jordi Xaus presentando un caso de éxito en relación ao proceso de descubrimento de fármacos contemplado dende a medicina molecular e a química médica ata a súa chegada ao paciente cun composto en ensaios clínicos. Deseguido, investigadores dos dous centros singulares presentarán os descubrimentos máis recentes como base para a identificación de sinerxías e complementariedades. Por parte do CIMUS intervirán Eduardo Domínguez, Fernando Domínguez, Marcos García Fuentes e Rubén Nogueiras, mentres que do CIQUS falarán Concepción González Bello, José Martínez Costas, Javier Montenegro e Eddy Sotelo. A xornada finalizará cunha mesa redonda, xa a partir das 15.30 horas, sobre a visión global do proceso dende a identificación temperá dun composto activo fronte unha enfermidade ata a súa aplicación no paciente e o seu impacto socio-económico. Intervirán a directora xeral de Innovación e Competitividade do Ministerio de Economía, María Luisa Castaño; a directora xeral de Innovación e Xestión de Saúde Pública da Xunta de Galicia, Sonia Martínez Arca; a subdirectora xeral de Proxectos de Investigación do Ministerio de Economía, Rosa Rodríguez Bernabé; o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela; e o coordinador da Plataforma de Unidades de Investigación e Ensaios Clínicos do Instituto de Saúde Carlos III, Emilio Vargas. Moderarán esta mesa os directores do CIMUS e do CIQUS, Carlos Diéguez e José Luis Mascareñas, respectivamente. Esta xornada conta co financiamento da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e dos propios centros singulares.