Pasar al contenido principal

A USC e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitarias asinan un convenio para apoiar as actuacións arqueolóxicas en Cova Eirós

Juan Viaño e Román Rodríguez intercambian os convenios no momento da súa sinatura. Foto: Servimav-USC
Juan Viaño e Román Rodríguez intercambian os convenios no momento da súa sinatura. Foto: Servimav-USC

A USC e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinaron este luns 15 un convenio para a realización dos traballos de escavación, investigación e documentación do xacemento paleolítico de Cova Eirós en Triascastela, Lugo. A administración autonómica contribuirá cunha achega máxima de 30.000 euros para este ano. O recente achado de arte rupestre paleolítico no interior da cova polo equipo de investigación da USC está considerado como unha mostra pictórica e de gravados únicos e excepcionais en Galicia. A achega económica da Xunta de Galicia a través do documento asinado polo reitor Juan Viaño e polo conselleiro Román Rodríguez González na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia destinarase á contratación de medios humanos, técnicos e materiais necesarios. No acto protocolario de sinatura tamén estiveron presentes o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso, e o profesores e coordinador do equipo de investiagación, Ramón Fábregas. O estudo que se abordará sobre o material da cova a partir deste convenio é “un traballo transcendental” que dea fundamento a posteriores accións que favorezan a súa conservación, coincidiron en sinalar o reitor e conselleiro e avogaron por “facer o posible para que Cova Eirós siga sendo “un paraíso histórico” para os que veñan. Dende o ano 2008 e ata 2014, un equipo do Departamento de Historia I coordina o xacemento paleolítico de Cova Eirós, enclave que dende entón ten proporcionado achados de grande importancia para ampliar o coñecemento sobre a época prehistórica en Galicia. Os resultados acadados consolídana como un xacemento de referencia no norte peninsular para estudar as similitudes e diferenzas entre dúas especies de homínidos (homo sapiens e neandertal) nun mesmo contorno e xacemento. Os resultados de estudos preliminares aparecen agora recollidos no libro Cova Eirós. Primeras evidencias de arte rupestre Paleolítico en el Noroeste Peninsular, do que son editores Ramón Fábregas e Arturo de Lombera. Os investigadores conclúen que os descubrimentos nesta cova son a primeira evidencia dun santuario paleolítico en Galicia, “unha área ata agora completamente allea ao coñecemento da arte rupestre peninsular” pero que abre a porta a novos achados non só en Galicia senón tamén en abrigos rochosos equiparables aos do interior da Península. Trátase de dar a coñecer unha investigación que, a pesar do dispar estado de conservación do estudado, permite achegar o lector ao mundo simbólico dos grupos de cazadores recolectores que habitaron o noroeste peninsular hai tal vez uns 20.000 anos. Porque, como explican os autores, se ben as numerosas escavacións realizadas en Galicia permiten ter un coñecemento sólido sobre a cultura material dos grupos do paleolítico superior, “no rexistro galego non existían evidencias sobre a súa esfera simbólico-relixiosa agora recollidas”. Ata a data, e a pesar do mal estado de conservación das imaxes debido en moitos casos á intervención humana, son 84 as unidades gráficas catalogadas, repartidas en once paneis. A metade dos motivos correspóndese con elementos pintados, seguido dos gravados (46,4%) e o uso de releves ou realces naturais da roca. Outros achados Un colgante atopado neste xacemento e elaborado a partir dun canino dun pequeno carnívoro pon de manifesto a presenza humana no noroeste peninsular desde hai uns 26.000 anos, en pleno período álxido da última glaciación. Ademais, entre outros achados encontrados nesta cova destaca a aparición de máis elementos de industria ósea nos niveis do Paleolítico superior, nomeadamente a presenza dunha azagaia decorada. Por outra banda, nos niveis do Paleolítico medio, cando a cova estaba ocupada por neandertais, foron recuperadas numerosas ferramentas líticas en seixo e cuarcita. Os traballos nesta escavación compleméntanse cos da Cova de Valdavara (Becerreá), onde os investigadores do GEPN da USC levan traballando desde 2007 nos seus tres xacementos. Xunto ao reitor e o conselleiro, tamén estiveron o decano Juan Monterroso (primeiro pola esquerda) e o profesor Ramón Fábregas (primeiro pola dereita). Foto: Servimav-USC

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.06.2015.