Pasar al contenido principal

Valores e recursos para reforzar o PDI no uso do galego nas aulas

A USC organiza para o persoal docente un obradoiro de xestión do multilingüismo

As linguas teñen a súa base necesariamente en grupos humanos, polo que afectan directamente a persoas e ás relacións entre elas, aos seus sentimentos, afectos e emocións. Dende o momento en que nun grupo entran en xogo varias linguas adóptanse decisións de xeito consciente ou inconsciente que afectan á organización da convivencia social. Cómpre decidir, non só como grupo senón tamén individualmente, a propia política lingüística, e valorar se certas decisións son xestos de apertura ou actos de submisión. Por iso a Comisión de Normalización de Ciencias da Educación, que percibiu a diminución efectiva da docencia en galego nalgúns casos debida á consideración desa lingua como problema na acollida de estudantes de fóra, propuxo algún tipo de actuación que permitise dotar aos profesores e profesoras participantes de valores e recursos (argumentativos e condutuais) cos que utilizar con comodidade o galego como lingua de docencia universitaria nun marco de respecto á diversidade lingüística. De aí que o Servizo de Normalización Lingüística organice o primeiro obradoiro universitario de xestión do multilingüismo nas aulas para o PDI, unha acción formativa especialmente recomendable para aqueles docentes que imparten clases en galego ou están considerando facelo e queren reafirmarse con argumentos e actitudes axeitadas, e mesmo sabendo aproveitar da mellor maneira para o seu alumnado as vantaxes e posibilidades do multilingüismo que se crea nas aulas. O prazo de inscrición no obradoiro, que forma parte do Programa de Formación e Innovación Docente (PFID), está aberto ata o día 15 de xuño. Durante as mañás dos días 23, 25, 26 e 29 de xuño na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) forneceranse e afianzaranse argumentos relacionados cos beneficios da diversidade lingüística, os prexuízos e os dereitos e deberes lingüísticos de alumnado e profesorado no marco da docencia para logo centrarse en sesións prácticas de análise de situacións conflitivas reais co obxectivo de aprender a adoptar unha decisión lingüística persoal e manter un comportamento asertivo, coñecendo modelos e recursos para afrontar a interacción lingüística, controlar as emocións ou defenderse da crítica. O profesorado está constituído por técnicos do Servizo de Normalización Lingüística, a profesora de Dereito especialista en dereito lingüístico Alba Nogueira e Concha Diéguez, da empresa Reverso Comunicación. Por que o obradoiro Nos últimos anos desenvólvense dous procesos nas universidades galegas que se adoitan considerar antagónicos en relación aos seus obxectivos lingüísticos: o de normalización da lingua galega e o da integración no Espazo Europeo de Educación Superior. Segundo constata o Servizo de Normalización Lingüística da USC, os programas de mobilidade de estudantes están a producir un efecto negativo sobre o primeiro, especialmente na docencia. En efecto, dende a Facultade de Ciencias da Educación percibiron a diminución efectiva da docencia en galego nalgúns casos, debida á consideración do galego como problema na acollida de estudantes de fóra, así como a aparición e afianzamento de prexuízos lingüísticos en profesorado e estudantado. Afortunadamente, tamén percibiron que diariamente se producen situacións lingüísticas nas aulas que se resolven moi adecuadamente para todas as partes, situacións que cómpre coñecer e estudar como casos de boas prácticas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.06.2015.