Pasar al contenido principal

O profesor Ángel García Alonso, novo presidente da Sociedade Española de Proteómica

O profesor Ángel García Alonso, novo presidente da Sociedade Española de Proteómica
O profesor Ángel García Alonso, novo presidente da Sociedade Española de Proteómica

O profesor da USC Ángel García Alonso, investigador principal do grupo Proteómica de Plaquetas do CIMUS e do IDIS e membro do grupo BioFarma do Departamento de Farmacoloxía da USC, acaba de ser elixido presidente da Sociedade Española de Proteómica (SEProt) nunha asemblea xeral de socios celebrada en Bilbao este luns. Nacido en Vigo, o profesor García Alonso é licenciado en Ciencias Químicas pola USC e realizou a súa tese de doutoramento no Departamento de Fisioloxía da Facultade de Medicina. Durante case cinco anos traballou como investigador posdoutoral nos Departamentos de Bioquímica e Farmacoloxía da Universidade de Oxford (Reino Unido), centrando a súa investigación na proteómica das plaquetas sanguíneas. Regresou á USC en 2006 como investigador Parga Pondal e acadou en 2007 un contrato Ramón y Cajal no Departamento de Farmacoloxía integrándose no grupo BioFarma. Actualmente a súa liña de investigación principal céntrase na busca de biomarcadores e obxectivos farmacolóxicos antiplaquetarios naquelas patoloxías onde as plaquetas xogan un papel relevante, como son as enfermidades trombóticas e cardiovasculares. A Sociedade A SEProt é unha asociación de carácter multidisciplinar que ten o obxectivo de impulsar o desenvolvemento da proteómica es España. O termo “proteómica” denota o conxunto de estudos encamiñados á caracterización dos proteomas, definidos como a totalidade de proteínas presentes nunha célula, tecido ou fluido biolóxico nun momento dado. O proteoma é complexo e dinámico comparado co xenoma e a súa análise ten gran relevancia xa que as proteínas son as responsables finais do que pasa nun organismo e as alteracións nelas son causa de numerosas enfermidades; de feito, a maioría dos fármacos actúan sobre proteínas concretas, por exemplo, inhibíndoas. Actualmente hai un gran proxecto internacional para analizar o proteoma humano no que España participa a través de varios grupos integrados na SEProt centrándose na análise das proteínas orixinadas a partires de xenes presentes no cromosoma 16. Para o seu mandato de catro anos García Alonso fixa entre as súas prioridades promover actividades educacionais e conceder bolsas de formación e axudas á investigación proteómica, pensando sobre todo nos socios máis novos. Tamén é clave para o profesor da USC manter un bo nivel de participación da Sociedade en organismos e proxectos internacionais -como acontece co proxecto do proteoma humano- e que as casas comerciais sigan apoiando as diferentes iniciativas que se poidan formular.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.06.2015.