Pasar al contenido principal

Estalmat-Galicia celebra as probas para a novena edición con récord de participación

Foto cos participantes na edición de 2014. Foto: Santi Alvite
Foto cos participantes na edición de 2014. Foto: Santi Alvite
Este sábado acudirán á Facultade de Matemáticas 355 rapaces e rapazas de toda Galicia

Un total de 355 estudantes de toda Galicia nacidos en 2002 e 2003 participan este sábado 6 nas probas de selección dos 25 estudantes da novena promoción do proxecto Estalmat-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas. Os participantes, 147 rapazas e 207 rapaces, proceden na súa maioría das provincias da Coruña (193) e Pontevedra (115) seguidas das de Lugo (27) e Ourense (20), tanto do ensino público (262) como do privado (93) e dun total de 70 localidades galegas diferentes. Como curiosidade, na proba do sábado participan oito parellas de irmáns. As cifras desta convocatoria sobrepasan a media dos últimos cinco anos e elevan a 2.500 o número de alumnos e alumnas que teñen pasado pola Facultade de Matemáticas nos últimos oitos anos para participar nestas probas de selección. Neste mesmo período foron seleccionados 200 rapaces. A proba consiste na resolución de seis problemas de distinto tipo e celebrarase a partir das 9.45 horas na Facultade de Matemáticas. Ten unha duración de dúas horas e 30 minutos. Ao remata da cal, arredor das 12.45 horas, os participantes reuniranse para unha foto conmemorativa nas escaleiras que dan acceso á Facultade aberta aos medios de comunicación. Durante a primeira parte da proba, os familiares dos estudantes asistirán en dúas quendas a unha sesión informativa sobre Estalmat que impartirán na Facultade de Bioloxía o presidente do proxecto, Juan Viaño, e a coordinadora xeral, a profesor Elena Vázquez Cendón. No desenvolvemento da proba tamén colaboran os profesores Víctor Pollán, Julio Rodríguez, Jesús Calvo, Ángel Rodríguez Arós, Andrés Prieto e as profesoras Alicia Pedreira, Covadonga Rodríguez-Moldes, Rosana Rodríguez, Mercedes Feijoo e Mariña Germiñás, coa axuda da secretaria administrativa do proxecto Ana Paz. As probas corrixiraas de forma anónima un equipo de doce profesores con dúas correccións independentes para cada problema, mentres que a preselección a realiza o conxunto do comité organizador. A lista alfabética dos 50 primeiros preseleccionados farase pública na web do proxecto (www.estalmatgalicia.com) entre os días 15 e 17 de xuño. Os primeiros 25 rapaces preseleccionados e os pais ou titores serán convocados a unha entrevista persoal pois deberán adquirir o compromiso de acudir ás actividades do proxecto. As actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas en sesións de tres horas nas mañás dos sábados dos dous vindeiros cursos académicos (20 sesións cada un), coa posibilidade de continuar un curso máis en Estalmat Pi. O equipo docente encargado de atender ao estudantado seleccionado fórmano 46 profesores e matemáticas de ensino medio e das universidades galegas. O obxectivo é detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e, en definitiva gozar desta ciencia ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para mellor proveito da sociedade. Estalmat-Galicia

Estalmat-Galicia forma parte dun proxecto de alcance estatal implantado en varias comunidade autónomas. Conta co aval científico e económico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais; da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC); da Fundación Española para a Ciencia e a Enxeñaría; das deputacións da Coruña e Lugo; ademais da infraestrutura e apoio xeral achegados pola USC, dun xeito especial a través da Facultade de Matemáticas e o seu equipo decanal. O proxecto está conectado tamén coas actividades da Olimpíada Matemática e as de divulgación da Asociación Galega de Profesores e Ensinantes de Matemáticas (AGAPEMA).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.06.2015.