Unha investigación da USC identifica eivas na implementación da RSC nas corporacións de radiotelevisión públicas europeas
Unha investigación desenvolvida na USC identifica tres eivas significativas na aplicación e posta en práctica das pautas e procedementos de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) nas corporacións de radiotelevisión públicas europeas, segundo recolle a xornalista luguesa Tania Fernández Lombao na tese de doutoramento ‘A Responsabilidade Social Corporativa nas radiotelevisións públicas da Unión Europea’. Este estudo, desenvolvido baixo a dirección do profesor da USC Francisco Campos Freire, é pioneiro a nivel europeo sobre a implementación do sistema de autorregulación RSC nos medios de comunicación de titularidade pública.
A investigación de Fernández Lombao xira arredor da Responsabilidade Social Corporativa nas corporacións de radiotelevisión de Alemaña, Austria, Bélxica, España, Finlandia, Francia, Irlanda, Portugal e Reino Unido. Aínda así, cómpre sinalar que a xornalista nada e residente no concello lugués de Castro de Rei dedica un importante espazo do seu estudo aos entes públicos das comunidades autónomas do Estado español, con especial fincapé na CRTVG de Galicia. A investigadora identifica tres eivas significativas na asunción da filosofía de autorregulación que se deriva da RSC: a primeira é relativa á pouca atención prestada aos preceptos da misión de servizo público á hora de desenvolver este sistema de autorregulación, a segunda está relacionada coa falta de avaliación das estratexias de responsabilidade social corporativa, mentres que a terceira afecta á escasa disposición das corporacións a ofrecer información relacionada coa estratexia e o perfil empresarial. Composición do tribunal
O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento que Tania Fernández Lombao vén de presentar na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC estivo presidido polo catedrático da Universidade de Málaga Bernardo Díaz Nosty. Os tamén catedráticos da USC Xosé López García e Xosé Soengas , así como Enma Torres e Inmaculada Anaya, da Universidade de Vigo, tamén formaron parte dun tribunal que acordou conceder a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á investigación de doutoramento desenvolvida por Tania Fernández Lombao.