Pasar al contenido principal

Volve o certame de pezas audiovisuais de comedia Somos a curta!

Por cuarto ano consecutivo a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación daUSC, a proposta da Liga Estudantil Galega, e co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC, convoca o Premio de pezas audiovisuais curtas de comedia ‘Somos a curta!’. A inscrición poderase realizar ata o 13 de outubro deste ano. Ao certame pode concorrer calquera membro do alumnado durante o ano 2015 das universidades galegas, das titulacións impartidas nas escolas oficiais de Imaxe e Son ou de bacharelato artístico de calquera dos institutos de educación secundaria de Galicia, que presente unha peza audiovisual breve –cun máximo de 10 minutos– cunha comedia en lingua galega. A temática das pezas é libre e as historias deberán ser orixinais, de creación propia ou con base popular ou literaria, neste último caso sempre que conten co consentimento por escrito do autor ou autora. O 28 de outubro no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Comunicación, logo da presentación e exhibición pública das pezas nunha gala, o xurado outorgará os dous premios do certame, dotados con 400 e 200 euros, respectivamente, e diploma honorífico. Así mesmo, haberá un premio do público, decidido por votación durante o transcurso da gala, dotado con diploma honorífico.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.05.2015.