Pasar al contenido principal

Investigadores da USC estudan o efecto da severidade dos lumes forestais na propagación de invasoras no proxecto Fireseves

Unha investigadora toma datos nunha zona incendiada
Unha investigadora toma datos nunha zona incendiada
Os socios do programa coordinado pola Universidade de Léon e no que participan as universidades de Alacante e Valladolid, celebraron unha xuntanza en Ponferrada

Cinco investigadores dos grupos de Biodiversidade e Botánica Aplicada (Bioaplic) e Economía Agraria e Medio Ambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (Ecoagrasoc) da USC estudan e avalían os efectos e as posibles incidencias da severidade dos incendios forestais nos servizos culturais dos territorios afectados, así como no seu cambio de uso e mesmo na propagación de plantas invasoras nas zonas referidas, no marco do proxecto ‘Serveridade de grandes incendios en sistemas forestais propensos ao lume: condicionantes, efectos na provisión de servizos e solucións de xestión pre e post incendio’ (Fireseves).

O programa Fireseves, coordinado por el Grupo de Investigación Ecoloxía Aplicada e Teledetección da Universidade de León, constitúe unha actuación de I+D que conta con financiamento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e que recibe apoio económico do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), na que tamén participan outros grupos de investigación das universidades de Alacante e Valladolid.

Os investigadores implicados no proxecto Fireseves veñen de participar no campus de Ponferrada con científicos das universidades de León, Valladolid e Alacante nunha reunión científica sobre lumes forestais no marco da que abordaron en profundidade cuestións relativas ao estudo dos condicionantes, efectos na provisión de servizos e solucións de xestión pre e post incendios da severidade de grandes incendios en sistemas forestais propensos ao lume e que tamén serviu para presentar algúns datos xa acadados.

A xuntanza científica, na que tomaron parte os profesores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo Elvira Díaz-Vizcaíno e Emilio Díaz Varela, así como os profesores da Facultade de Bioloxía da USC Otilia Reyes, Mercedes Casal e Óscar Cruz, que forman parte do grupo Biopalic, permitiu á delegación da USC poñer o foco nas pescudas xa desenvolvidas e noutras que se van realizar sobre aspectos ligados aos cambios de uso das áreas afectadas por lumes en Galicia, ademais de analizar a relación entre a severidade dos incendios e a posterior propagación de plantas invasoras ou mesmo a súa posible relación coa perda, modificación ou desaparición de servicios culturais.

O traballo que están a desenvolver os grupos de investigación implicados no proxecto (Fireseves) pretende dar resposta á situación dos lumes forestais na conca mediterránea, un territorio que nas últimas décadas está a rexistrar un aumento da incidencia dos lumes, así como da súa severidade e da superficie de territorio afectada polos incendios. Este cúmulo de factores pon en risco a capacidade do terre para a súa rexeneración tralos lumes, así como a súa resilencia futura fronte a novos incendios, segundo apuntan os investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo implicados no proxecto Fireseves, un grupo multidisciplinar de científicos que tamén están adheridos a BioReDes, a agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.06.2021.