Reflexionan sobre os retos de ensinar na Sociedade da Información nun encontro en Santiago e Lugo

A Asociación Universitaria de Ciencias Sociais e Humanidades Galicia Iberoamérica (AGALI) organiza co apoio da USC as súas quintas xornadas , dedicadas nesta ocasión á ensinanza na Sociedade da Información, que terán lugar os días 18 e 19 de xuño nas Facultades de Ciencias da Educación (Campus Norte) de Santiago e de Formación do Profesorado de Lugo. A organización, na que están tamén presentes ANTE, ELINCIS e varias redes de investigación galegas e estatais, mantén aberto ata o día 12 o prazo tanto para inscribirse como para enviar comunicacións. Os expertos Xosé Manuel Souto González, da Universidade de Valencia, e Joan Santacana i Mestre, de Barcelona, serán os encargados de pronunciar as únicas dúas conferencias que terán lugar no encontro. O primeiro preguntarase na súa intervención qué pode facer o bo profesorado de Xeografía e Historia no ensino básico, mentres que o docente catalán tratará de explicar os retos de educar na xeración app. O resto das xornadas estrutúrase en sesións de comunicacións e catro mesas redondas sobre o aproveitamento didáctico do patrimonio, o mestrado investigador como desafío para o futuro, a confluencia entre as áreas de lingua e literatura e ciencias sociais e as controversias sociocientíficas, coa problemática do lobo en Galicia como caso de estudo.