Alumnado da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais realizará prácticas en empresas da asociación Área Empresarial do Tambre
O reitor da USC, Juan Viaño, e o presidente da asociación Área Empresarial do Tambre, Jesús Chenel Noya, asinaron este luns en San Xerome un convenio de colaboración para a realización de prácticas do alumnado da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Tanto a USC como a asociación compostelá consideran necesario un maior acercamento entre o ámbito empresarial e a universidade, co obxecto de facilitar a futura inserción laboral dos universitarios mediante a alternancia da súa formación teórica con prácticas de empresa, acadando ao tempo a mellor cualificación e futura adaptación aos postos de traballo demandados polas empresas. Alumnado de grao e máster das titulacións impartidas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais serán os destinatarios principais deste programa que, en forma de complemento á formación, aspira a facilitar o coñecemento da realidade empresarial. Así, o contido específico das prácticas proporcionará ao estudantado unha visión global da empresa a través dos seus distintos departamentos. O documento tamén apunta a posibilidade doutras formas de colaboración xa que posibilita a cooperación puntual en traballos académicos das empresas asociadas, a participación de directivos en xornadas formativas do centro universitario –como, por exemplo, a través do ciclo ‘Aprender da experiencia’– ou a organización de visitas, entre outros aspectos. Tamén está prevista a convocatoria dun premio para emprendedores/as así como un club de inversión para apoiar novas iniciativas. A duración do acordo estenderase como mínimo a dous cursos académicos, prorrogables automaticamente.