Profesionais e estudosos abordan a situación da crítica cultural nos medios de comunicación en Galicia
O simposio ‘Crítica e medios de comunicación’ celebrarase o vindeiro venres 27 e o sábado 28 na Facultade de Ciencias da Comuicación organizado pola Asociación Galega de Crítica coa colaboración do Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Emerxentes e o grupo de investigación Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC.
Nas dúas xornadas programadas, profesionais da crítica, xornalistas, escritores/as, tradutores/as e especialistas en diferentes áreas culturais debaterán e reflexionarán sobre a situación que se está a vivir en Galicia nos últimos anos no eido da crítica cultural nos medios de comunicación, as novas olladas, perspectivas e iniciativas que se puxeron en marcha, as claves da crítica en diferentes medios (cine, tv, blogs ou redes sociais), tamén a percepción que desta se ten dende outras áreas do saber e mesmo a quen vai dirixida esta produción crítica en Galicia.
Este é un evento que conta na organización con María Xesús Nogueira, Arturo Casas, Inmaculada Otero e Olivia Rodríguez, e a través do que se busca propiciar un espazo de diálogo, reflexión e cuestionamento sobre a situación da crítica cultural e algunhas das súas claves actuais.