Pasar al contenido principal

Xornada sobre experiencias emprendedoras e iniciativas empresariais saídas das aulas este xoves na Facultade de ADE

O ciclo sobre emprendemento organizado pola Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo co obxectivo de fomentar no estudantado o espírito emprendedor como unha alternativa profesional viable para os futuros graduados/as en ADE continuará este xoves coa xornada ‘A USC, unha experiencia emprendedora. Iniciativas empresariais saídas das aulas’.

Esta sesión formativa e de carácter divulgativo desenvolverase a partir das 11.00 horas na Aula Magna da Facultade de ADE. Ramón Mazoy, da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC; Rodolfo Ojea, da Fundación CEL; José Sánchez del Valle, xerente e socio fundador de Champion Chip Norte, ademais de Marta Pérez e Amaia Santamaría, de Bico de Grao, completan a relación de relatores convidados a participar nesta xornada sobre emprendemento universitario.

Esta sesión sobre iniciativas empresariais saídas das aulas é a terceira das programadas este curso na Facultade de Ade no marco do ciclo sobre emprendemento, un programa no que xa interviñeron nas últimas semanas o director de Recursos Humanos da cadea hoteleira Hotusa, quen falou sobre a importancia das actitudes creativas e emprendedoras do alumnado para adaptarse á contorna empresarial, e o director xerente de Secretos de Galicia, quen explicou algunhas das novas iniciativas de comercialización de produtos gourmet.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.11.2015.